«Suaviter in modo, fortiter in re» (suave en las formas, firme en el fondo)
MAGNIFICA HUMANITAS
1.- De Babel a Nehemías. Unha proposta para a reflexión e o diálogo compartido

» Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras … E nisto propuxeron: ‑»Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome de sona, para non nos perder pola ancha face da terra» ( Xn 11,1…)
“Reconstruímos, pois, a muralla, e toda ela foi reparada ata media altura. O pobo tomou moi a peito o facela… Todo o pobo, coma un só home, xuntouse na praza que está diante da porta das Augas, e dixéronlle a Esdras, o escriba, que trouxese o libro da Lei de Moisés que o Señor tiña prescrito a Israel” ( Ne 3, 38 … )
Tódolos papas ao pouco de ser elixidos escriben e publican un texto que quere ser, ao así se ten presentado sempre, como o seu proxecto do que vai ser o goberno pastoral do seu pontificado. Lembramos a Ad Petri Cathedram ( xuño 1959) de Xoán XXIII , a Eclesiam Suam ( agosto 1964) de Paulo VI, a Redemptor Hominis ( marzo 1979) de Xoán Paulo II, a Deus Caritas est ( decembro 2005) de Bieito XVI, a exhortación – a súa primeira encíclica, Lumen Fidei ( xuño 2013) deixara escrita Bieito XVI, inda que quen a publica é Francisco- Apostólica Evangelii Gaudium ( novembro 2013) como o seu primeiro texto que, como ben sabemos, marcou todo o seu pontificado.
Seguindo esta xeira, o primeiro texto que publica, e que se considera como o programa que vai marcar o seu pontificado, é a encíclica Magnifica Humanistas ( 15 de maio de 2026). Nela, como iremos vendo ao longo das seguintes semanas, ponse claramente de manifesto acales van ser os eixes que marcarán os anos de pontificado do papa actual. Eixes de claro contido Teolóxico Moral, e moi en relación e diálogo coa realidade deste momento da historia. En clara referencia ao que tamén supuxo a Gaudium et Spes para o concilio vaticano II.
Nela desenvolve unha reflexión sobre a realidade na que hoxe estamos a vivir, como Igrexa, e no medio do mundo, e os retos e tarefas que non debemos obviar nin darlle as costas neste momento no que novas situacións están a xurdir e precisan reflexión e comprensión, máis alá dunha simple opinión rápida e pouco madurada. Nesta realidade, reivindica o papa, correspóndelle á Igrexa ofrecer unha resposta pausada, serea e integral sobre un mundo no que as ameazas e as fortalezas se van entrelazando mutuamente.
Esta resposta integral ponnos xa na pista de que non nos imos atopar con un documento farragoso e de consumo interno, máis de corte doutrinal que evanxélico pastoral. Todo o contrario, a medida que nos imos adentrando na súa lectura imos descubrindo as moitas pontes ás que se invita e os moitos cabos que se van lanzando para que a travesía desta navegación polas augas deste nosos mundo sexa a que mellor salvagarde dous elementos fundamentais e que hoxe, en non poucas situacións, se ven ameazados: a dignidade da persoa e o ben común.
Inda que se presentou, e mesmo así o pon de manifesto no subtítulo , “ sobre a custodia da persoa humana no tempo da intelixencia artificial”, a encíclica non se reduce a desglosar os diferentes elementos e realidades que se agochan detrás da expresión intelixencia artificial, senón que quere afondar desde unha visión, e ofrecendo unha lectura, moito máis ampla e plural. Porque é a persoa a que está no centro de toda a reflexión, o que nos dá xa a pista de que o texto vai xerar ao redor da reflexión moral, e dentro dela da Moral social [1], no apartado da Doutrina Social da Igrexa. Porque, como ven o manifesta en diferentes ocasións, do mesmo xeito que Rerum Novarum escríbese para reflexionar sobre as cousas novas daquel convulso século dezanove que estaba chegando ao seu fin – a encíclica publicase o 5 de maio de 1891.
Seguindo este mesmo razoamento, quere o papa León achegarse, non a modo de simple opinión ou comentario, ás cousas novas que nesta segunda década do século XXI están a marcar o seu desenvolvemento. E unha delas, con tódalas súas derivadas é a xa hoxe coñecida por todos como a IA. Unha achega que se moverá en tres planos, seguindo a metodoloxía, xa sempre presente nos textos da Doutrina Social da Igrexa despois da publicación da Mater e Magistra de Xoán XXIII, indutiva do ver, xulgar e actuar.

Ao longo dos seus capítulos vai aparecendo un rico aparato crítico, unha rica bibliografía, na que abundan as referencias a textos do maxisterio social dos seus predecesores:
Partindo da Rerum Novarum e continuando polos demais documentos da D.S.I. e dos documentos do concilio Vaticano II, principalmente da G.S. , aos que se van unindo outros textos de papas diferentes como a Dignitatis humanae ( 1966), a Dilexit nos (2024), O compendio da Doutrina Social da Igrexa, Dignitas infinita ( 2024. Doutrina da fe) ou Antiqua et Nova ( 2025) , o Documento final do Sínodo de 2024, ou os discursos de algúns dos seus predecesores na Sé da ONU ou nalgún dos seus organismos ( FAO), ou as mensaxes con motivo da Xornada da Paz do primeiro de ano, dos Dicasterios para a Cultura e a Educación ou a Comisión teolóxica Internacional ( 9 febreiro 2026: Quo vadis humanitas?).
Aos que se engaden tamén citas de diversas Conferencias episcopais, Bispos USA (1966), xunto con discursos en Asís ( 2016) ou ao Corpo Diplomático acreditado ante a Santa Sé ( 2025). Xunto con referencias extraídas dos discursos de Francisco e de León publicados no L`Observatore Romano Ao que se unen citas de diversos autores: san Agostiño, Santo Tomás, Romano Guardini ( El ocaso de la edad moderna.1963), Víctor Frankl, El hombre en busca de sentido(1991), Hanna Arendt, Los orígenes del totalitarismo, J.R.R. Tolkien, El señor de los anillos ( 1991), Giorgio La Pira, alcalde de Florencia ( Reflexiones sobre el Concilio.1962).
Toda unha bagaxe composta por un texto dividido en cinco capítulos , 245 números e 223 notas, no que vai propoñendo un diálogo construtivo, e integral, coa IA e as súas derivadas.
2.- Unha historia desenvolvida na dialéctica da continuidade – discontinuidade
O documento divídese en cinco capítulos mais unha introdución e unha conclusión. Ao redor de cento noventa páxinas suxestivas e artelladas desde o binomio denuncia- responsabilidade.
Na introdución (1- 16) invita a poñer os ollos na realidade desde a busca do que une, superando a tentación de construír como en Babel, Xn 11,1…,l, para camiñar no construír comunitario que nos ofrece o texto de Nehemías nos capítulos 2 ao 6. Loitando para que a humanidade, tan chea de présas e urxencias, non perda nunca o seu rostro de recoñecer ao outro coma un irmán e non coma un inimigo ao que hai que vencer, desterrar ou suprimir. E iso porque, como ben di o número 22 da Gaudium et Spes, “ o misterio de do home só se esclarece no misterio do Verbo encarnado”. É esta irrenunciable identidade cristolóxica na que se enraíza a antropoloxía teolóxica, a que nos leva ás persoas crentes, Igrexa, a achegarnos ao mundo con ollos en entendemento e non de confrontación. O que non se poderá facer se non somos quen de poñer no centro á persoas, enchoupada pola presenza identitaria de Cristo, o Verbo que xe fixo dos nosos.
A partires deste principio, artella o documento nos cinco capítulos nos que nos vai presentando esta realidade chea de cousas novas e nas que todas e todos non podemos nin quedar indiferentes nin deixar que outras persoas, sempre con ansias de poder, asuman o que ha ser tarefa de común, e decidan no nome dos demais.
O Primero capítulo
No primeiro capítulo (17-45), titulado un pensamento dinámico fiel ao evanxeo, busca ofrecernos unha breve escolma do que ten sido o labor da Igrexa, sempre no medio do mundo, de compromiso por facer do novo, inda que moitas veces con non poucas dificultades, un elemento que posibilitase a concreción evanxélica do servizo á humanidade. Non dando como bo todo o que xurde, senón buscando a reflexión que axudase a separar e non confundir o xoio co trigo.
- Por iso este primeiro capítulo presenta unha breve historia ao longo dos textos do maxisterio pontificio desde a Rerum novarum de León XIII ata a Fratelli Tutti de Francisco[2]. Presentando un maxisterio que se vai elaborando no marco da persoa como centro , e as categorías que cada un dos documentos foi propoñendo en cada momento desta xa longa historia para iluminar unha realidade sobre a que moitas veces ían chegando neboeiras. E que deu lugar a que categorías como a do destino universal dos bens, a subsidiariedade, a xustiza social e o desenvolvemento humano integral, fosen enriquecendo unha reflexión que co paso do tempo traspasaba as lindes da propia Igrexa para converterse xa en categorías universais e irrenunciables para entender a realidade.
O segundo capítulo
O segundo capítulo (46 – 89), unha vez establecido que as cuestións sociais han de ocupar e preocupar á reflexión teolóxica, e ao que respecta a esta tema, ás cuestións do ámbito da Teoloxía Moral social e , dentro dela, da Doutrina social da Igrexa. Póñense os fundamentos e principios da D.S.I. . Comezando por lembrar cales son os fundamentos sobre os que se asenta a D.S.I.; Fundamentos que vai explicitando desde a achega a dúas categorías raíz da antropoloxía teolóxica: a persoa imaxe do Deus Trinitario, a dignidade común a tódolos seres humanos, , o que lle da pé para presentar os principios da D.S.I.: BEN COMÚN, DESTINO UNIVERSAL DOS BENS, SUBSIDIARIEDADE, SOLIDARIEDADE, JUSTIZA SOCIAL, e sempre na procura dun desenvolvemento humano integral, presente permanentemente no maxisterio social máis recente. O que se converten en reto para mesmo reflexionar sobre o como e de que que xeito se van aplicando ao interno da mesma Igrexa.
O terceiro capítulo
O terceiro capítulo (90- 130) xa nos vai mostrando sobre que bases se asenta o paradigma tecnocrático e o poder dixital no contexto da forza que o mundo dixital ten adquirido esforzo por superar Babel para camiñar na xeira do entendemento que propón Nehemías, vai marcando o limiar do capítulo, para logo ir presentando a necesidade de desenvolver un discernimento activo, desde a clave moral e social, que protexa á persoa e a súa dignidade.
“ Unha orde social xusta na era dixital é aquela que garante a todos un acceso igualitario ás oportunidades, protexe aos máis pequenos e aos máis fráxiles, oponse ao odio e á desinformación, e somete a control público o uso dos datos e das tecnoloxías, de xeito que o criterio non sexa só o beneficio senón a dignidade de cada persoa y o ben dos pobos “ ( D.H. 80)

O que esixe verdadeira atención para coñecer, e tendo sempre presente que a IA, polo monos a día de hoxe, imita e simula linguaxes, pero non se relaciona con e desde criterios de afectividade e espiritualidade ( 99). Sempre ha ser unha axuda, sen equiparala á intelixencia humana, que fai posible: sentir, querer, chorar, rir… desde a fondura do corazón e a primacía da dignidade humana compartida.
O anterior pon de manifesto que diante da día hai que superar dúas tentacións nas que, estámolo a ver, moitas veces se ten caído: o medo ou a aceptación acrítica.
Nin un nin a outra responden a criterios de discernimento e crecemento moral; máis ben os extremos non levan mais a que a caer en posturas acríticas e pouco reflexivas.
O que propón o papa é camiñar no achegamento non con medo, pero si con cautela. Sendo a responsabilidade e a transparencia as anclaxes desde as que ir achegándose a toda esta realidade, que tanto parece que nos supera, e da que coñecemos algo, e albiscamos as súas moitas posibilidades. Polo que non cabe, e hai que agradecerlle que o dixera tan directamente, a neutralidade moral nas súas concrecións. Os desafíos non son só técnicos, mais ben sitúanse no ámbito da realidade antropolóxica. Non podemos falar única e exclusivamente de técnica e maneiras de desenvolvela. De aí que sexa fundamental achegarse á IA desde catro desafíos cos que contrapoñer o medo pola cautela: RALENTIZACIÓN, CÓDIGO ÉTICO , PRUDENCIA e UNIVERSALIDADE.
O que esixe establecer marcos xurídicos, como sempre ocorre cando algo novo chega, que eviten que a dignidade da persoas quede encerellada na utilización da IA: sesgos, manipulacións, escolmas economicistas, reducionismos a uns poucos ou perda de universalidade. A IA pide acceso universal e criterios desde os que formar aos que a usan e aos que reciben as consecuencias do seu uso ( 109).
De novo volve León a utilizar, e irao facendo moitas máis veces ao longo do documento, un concepto co que nos ten agasallado xa outras veces desde o comezo do seu pontificado: é preciso DESARMAR a IA. Porque doutro xeito as súas consecuencias para a casa común, e para cantos e cantas nela vivimos, serías desastrosas, o que pide que non se a deixe ir desde criterios puramente de eficiencia, esquecendo que como realidade integral, precisa tamén criterios antropolóxico morais á hora do seu uso.
Un apartado moi interesante dentro deste mesmo capítulo é a reflexión, que supoño sobre ela nos falará o profesor de filosofía nas seguintes sesións, é a reflexión que propón do transhumanismo e do poshumanismo, tan en relación coa concepción, moitas veces “ radical” respecto da IA, que el trata dos números 115 ao 117.
Fronte a estas visións antropolóxicas que pasan por riba do humano, contrarresta desde a lóxica do corazón e a grandeza do ser humano. Propoñendo exemplos, ao interno e ao externo da Igrexa, que ao longo da historia apostaron pola dignidade humana, e en especial pola dos mais débiles: Cruz Vermella, ONU, M.Kolbe, O.Romero, FranCois Xavier Nguyén Van Thuan, xunto cos mártires, que el chama, do cotián.
O lector atopará a análise na seguinte publicación, dos capítulos 4 e 5.
Clodomiro Ogando
[1] Na encíclica Sollicitudo Rei Socialis, o Papa Xoán Paulo II establece que a Doutrina Social da Igrexa pertence ao campo da teoloxía e, especificamente, á teoloxía moral, no número 41.
[2] Rerum novarum( León XIII); Quadragesimo ann( Pío XI) o; Mensajes radiofónicas de Pío XII; Mater et magistra( Xoán XXIII); Pacem in terri( Xoán XXIII) s; Populorum progressio( Paulo VI); Octogesima advenien( Paulo VI) s; Laborem exercens( Xoán Paulo II) ; Sollicitudo rei socialis( Xoán Paulo II) ;
Centesimus annus ( Xoán Paulo II) ; Caritas in veritate ( Bieito XVI) ; Laudato si( Francisco) ’; Fratelli tutti( Francisco).
