Doce anos de alegrías compartidas
Doce anos de alegrías compartidas

Doce anos de alegrías compartidas

Do saúdo de chegada, «Buona sera, fratelli e sorelle» ao saúdo da despedida, “Buona pasqua” do Domingo de Resurrección. Doce anos de alegrías compartidas

 

Desde aquela fría noite do 13 de marzo de 2013, homes e mulleres de tódolos continentes, profesaran ou non o credo católico, foron vendo aparecer ao longo de doce anos a imaxe dun home vestido de branco. Na tarde da súa elección, dirixíndose ás persoas que estaban na praza de San Pedro saudounas cun sinxelo e humilde “buona sera, fratelli e sorelle” que rompía esquemas preconcibidos do que se pensaba que debía ser o saúdo dun papa.

Diante da visión dun sucesor de Pedro lendo papeis, aténdose a un guión marcado de antemán, e polo tanto previsible, comezouse a ver e escoitar nos medios a imaxe e a voz dun home que non deixaba sen contestar preguntas, por moi escabrosas ou complexas que estas fosen e que non tiña medo a improvisar unha resposta, inda que ás veces iso lle supuxese non poucos dores de cabeza e polémicas nos medios, principalmente naqueles que sempre estaban á espreita para ir collendo ao voo afirmacións que rompían co que se agardaba que dixese un papa.

Papa Francisco

Aquela tarde romana do mes de marzo, co seu saúdo sinxelo e agarimoso, abría un tempo primaveral e renovador na Igrexa católica que marcaría a recuperación, polo interese na súa palabra e nas súas propostas, da imaxe do papa como líder mundial que, nunha realidade globalizada, e seguro que sen pretendelo, acabou sendo referente moral para unha sociedade tan precisada de quen lle dixese que a persoa segue a ser o centro e a referencia desde a que abordar a complexidade de problemas e situacións que o mundo , en deriva neoliberal economicista, fora esquecendo.

E, como se dicía no anterior post, a publicación da Evangelii Gaudium o 24 de novembro de 2013 quería ser o documento programático dun maxisterio novidoso e recentrado, no que a dimensión social e as grandes cuestións da humanidade pasaban a ser tamén, en fidelidade co espírito e a letra da Gaudium et spes conciliar, realidades sobre e desde as que tamén era preciso elaborar reflexión teolóxica. Non menos verdade acabou sendo que o texto abriu camiños de renovación, cambio e, para non poucos, revolución na Igrexa Católica, logo duns pontificados máis preocupados polo control da ortodoxia e a involución conciliar.

Lido desde a perspectiva de hoxe, este primeiro documento do maxisterio papal adquire o rango de fonte explicativa do que logo foron os doce anos de Francisco á fronte da barca de Pedro.

Anos nos que o seu maxisterio foi enriquecendo unha presenza da Igrexa diante dos problemas do mundo, non como ariete que derruba e impón os seus criterios, senón como achega que invita a non dar as costas a unha realidade mundial globalizada e na que se precisaba fixar a mirada e tomar posición, vencendo a tentación da tibieza, polas moitas ameazas que respecto á dignidade das persoas e ao mundo -casa común, lle chamaría Francisco-, se cernían.

Na complexidade do quebracabezas deste momento da historia xa nada podía quedar fóra do ámbito da reflexión teolóxica, traendo á actualidade aquelas palabras, tantas veces pronunciadas na constitución conciliar sobre o diálogo da Igrexa coa sociedade nas que se urxía a tomar en serio os “sinais dos tempos” (GS.4).

1.- Un maxisterio de diálogo e misericordia

Toda esta xeira ilusionante que se foi abrindo pouco a pouco acabou poñendo ao noso dispor un rico maxisterio que foi alcumado como a “nova primavera eclesial”, continuadora do que moitos anos antes tamén fora o Concilio Vaticano II. Textos de tanto calado teolóxico como as Encíclicas Laudato Si (2015), Fratelli Tutti (2020), Dilexit Nos (2024); xunto coas Exhortacións Apostólicas, ademais da mencionada Evangelii Gaudium (2013), Amoris Laetitia (2016), Gaudete et Exultate (2018), Christus vivit (2029) ou Querida Amazonía (2020) que, ao lado das Bulas Misericordiae Vultus (2015) e Spes non Confundit (2024) e a Constitución Apostólica Praedicate Evangelium (2022) –constitución que precisou un amplo proceso de elaboración, superando non poucas presións desde fóra do grupo que fora asesorando ao papa durante o tempo no que sobre ela se traballou- conforman un rico maxisterio que foi abrindo procesos de cambio e renovación eclesial, non con ánimo de pechalos e esgotar perspectivas e atesvos de esperanza de futuro, senón para que tiveran continuidade e desenvolvemento nos tempos que virían despois do seu pontificado.

Resulta verdadeiramente interesante que unha das insistencias permanentes de Francisco foi a necesidade de abrir procesos que pouco a pouco fosen tomando forma e abranguendo concreción e desenvolvementos sen dalos por pechados no xa, senón na perspectiva aberta do aínda non que esixe seguir englobando novas perspectivas e aspectos que enriquezan a reflexión.

Neste sentido esta liña de reflexión teolóxica creativa e novidosa marcou, e para ben, a reflexión teolóxico moral, que durante moito tempo estivera pechada en fórmulas normativas que non deixaban espazos nin para o discernimento nin para a decisión en conciencia.

Ao lado dos textos que vimos de nomear, non podemos esquecer os 75 Motu Proprio[1] sobre cuestións vivas e moi presentes na vida da Igrexa e do mundo: transparencia económica, reforma litúrxica, protección de menores[2]; as 39 Constitucións Apostólicas e as súas moitas cartas apostólicas, sempre guiadas pola necesidade de achegarse ás realidades desde a convicción de que non son as portas pechadas, senón as que abren ao diálogo, as que marcan poder avanzar na busca de entendemento e diálogo, sempre desde unha actitude de acollida e misericordia e poñendo no centro de toda esta tarefa a urxencia de ser unha Igrexa pobre e para as persoas pobres, e non ao servicio dos poderes do mundo. Isto tamén supuña que a mirada desde Roma tiña que ser unha mirada descentralizadora, onde a autonomía das Igrexas locais non quedase escurecida polo control euro/romacéntrico que tanta incomprensión e sufrimento supuxera en épocas non moi afastadas da vida da Igrexa.

 

2.- Un pontificado creativo e renovador

O pontificado de Francisco foi creativo e renovador, dándolle á Igrexa un pulo de enerxía para superar a desidia e a desafección que desde pontificados anteriores se viña dando nela e que vía como as persoas se ían afastando dela, por indiferenza fundamentalmente ou por rexeitamento diante da incapacidade de ofrecer unha lectura do evanxeo que, ao estilo do Concilio Vaticano II, soubese ler a presenza de razón de esperanza para un mundo que é terra de salvación e de presenza das razóns do Verbo encarnado.

Un mundo líquido, con moita présa e pouca paciencia, máis dado a prestar atención á imaxe e ao testemuño que aos grandes documentos que reafirmasen cuestión de ortodoxia interna ou de control teolóxico.

A pesares dos seus críticos, que os tivo, e mesmo os segue a ter, Francisco foi unha ventá aberta de aire fresco e renovador que trouxo á Igrexa a convicción de que só sabendo poñer os pés na terra ten sentido erguer a vista cara ao ceo para sentir o latexo aquecido do corazón do Deus amor e acolledor; o Deus que sabe mirar para as beiras tendendo a man para erguer e acompañar as dores, tristuras e desacougos da xente.

Francisco conseguiu chegar aos corazóns dos sinxelos e pequenos, sempre precisados de mans abertas e dispostas a unirse para que as persoas deixen de ser cousas no medio de intereses puramente estratéxicos, políticos, económicos, e tamén de carreirismo eclesial.

Fiducia Supplicans

O pontificado de Francisco foi abrindo procesos, sendo el moi consciente de que non lle correspondía a el pechalos, e sabendo que terán que ser outros que veñan detrás, se así o consideran, os que lle vaian dando forma e pulindo aspectos para que dean os mellores froitos e poñendo sempre no centro ás persoas, mostren unha Igrexa plural, poliédrica e sempre en saída. Porque a ela correspóndelle ser hospital de campaña sempre disposto a curar feridas sen pedir pasaportes nin establecer alfándegas.

Non é de estrañar entón que o diálogo e a misericordia, primeiro escoitar e coñecer antes de decidir, se fosen convertendo en eixes desde os que o pontificado de Francisco foi gañando credibilidade para unha Igrexa que precisaba volver ao cerne do seu propio ser: o evanxeo.

Unha Igrexa en saída e coas portas abertas para que quen así o quixese se achegase e entrase. Porque, como manifestou nun dos últimos textos por el asinado e publicado polo Dicasterio para a Doutrina da Fe, Dignitas infinita (2024), é a dignidade a que nos iguala e fai que poidamos falar de fraternidade máis alá de conviccións, cores de pel, credos ou culturas. Unha dignidade á que nos achegamos as persoas crentes desde o sabernos fillas de Deus, sempre a súa imaxe, para buscar camiños de diálogo que acaben construíndo pontes con aquelas e aqueles que , desde a súa opción racional pola xustiza e a igualdade, fan da dignidade principio fundamental desde o que convivir e construír sociedades modernas, maduras e solidarias, e nas que os Dereitos das persoas non son froito do interese de poder nin da busca dun emotivismo individualista e, na maioría das veces, insolidario, senón do desenvolvemento e concreción dunha dignidade compartida que quere deixar de ser principio abstracto para converterse en opción polas persoas.

Non é de estrañar que aquel Domingo de Pascua do ano 2025, que acabaría sendo o derradeiro, aparecese na ventá do Pazo Apostólico canso e enfermo, o que non lle impediu deixarnos o seu saúdo pascual para que fósemos nós os que seguísemos traballando nos procesos por el abertos e coa perspectiva de continualos unha vez que el xa non estivese.

O seu “buona pasqua” de resurrección non foi máis que un anticipo do que a todas e todos nos chegará para volver atoparnos con el ao abeiro de Deus. O Deus amor e agarimoso, que non condena senón que sempre acolle con misericordia abrindo a porta e invitando a entrar.

Grazas, Francisco, por este testemuño de entrega, xenerosidade e compromiso no esforzo por volver a Igrexa ao evanxeo, facéndoa relevante nun mundo ao pairo e precisado de conviccións e espiritualidade que enriqueza ás persoas cos valores e os testemuños nos que se seguen a precisar de profetas de esperanza que alenten, animen, escoiten sen xulgar, e sempre acollan.

Gracias Papa Francisco

Clodomiro Ogando Durán.

  • [1]Na carta apostólica Traditionis custodes, publicada como Motu Proprio, que causou, e segue aínda hoxe a causar, non pouca polémica, publicado o 16 de xullo de 2012, reformula a carta apostólica, Summorum Pontificum (2007), do papa Bieito XVI na que abordaba a forma extraordinaria de celebrar a Eucaristía segundo o rito antigo, preconciliar –misal promulgado por Xoán XXIII en 1962-. Con claridade e en fidelidade ao espírito e á letra do concilio Vaticano II, afirma Francisco: “En vista dos desexos expresados polo episcopado e tendo escoitado o parecer da Congregación para a Doutrina da Fe, desexo con esta Carta apostólica, proseguir aínda máis na busca constante da comuñón eclesial…”… Diante das presións dos grupos tradicionalistas e conservadores existentes na Igrexa, Francisco busca centrar a cuestión e poñer ollos e corazón no Concilio e na reforma litúrxica que del saíu.
  • [2] Tema herdado desde, moitas veces, o silencio dos seus antecesores e diante do que el toma decisións claras e contundentes para erradicar esta lacra eclesial que tanto dano e tanta dor ten causado ás vítimas e que está supondo o afastamento, cada vez maior, de moitas persoas cristiás diante da desconfianza que van xerando aquelas persoas que por compromiso de vida, tiñan que ter sido referentes morais de coherencia e testemuño evanxélico. Desgrazadamente, as disposicións tomadas por Francisco e que necesariamente urxe a concretar no goberno das diferentes dioceses, seguen, hoxe en día, en moitas delas sen estar claras na súa aplicación e no seu convencemento. E as vítimas son, pasados xa anos, dobremente vitimizadas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.