Besbello lucis: A Amoris laetitia
Besbello lucis: A Amoris laetitia

Besbello lucis: A Amoris laetitia

“É mesquiño deterse só a considerar se o obrar dunha persoa responde ou non a unha lei ou norma xeral, porque iso non basta para discernir e asegurar unha plena fidelidade a Deus e asegurar unha plena fidelidade a Deus na existencia concreta do ser humano”

Na conmemoración do quinto aniversario da publicación da exhortación postsinodal sobre a familia, o papa Francisco vén de declarar o ano da “familia Amoris laetitia”, un tempo longo no que se invita a unha lectura en profundidade e poliédrica (desde todas as súas arestas) para responder, dun xeito integral, a todos os aspectos que conforman a realidade familiar e así poñelos en práctica, superando a tentación dunha resposta puramente teórica, abstracta e apartada da realidade –«gozos e sombras»- das persoas de cada tempo.

Despóis da celebración do segundo Sínodo sobre a familia, e como é habitual logo da celebración dun Sínodo, o 19 de marzo de 2016 publicouse unha exhortación que recolle, sintetiza e desenvolve algunhas das cuestións abordadas na aula sinodal:

Amoris laetitia

Un besbello de luz para un tema nada doado, cheo de non poucas tebras e incomprensións, mesmo conflitos, e sempre no ámbito da decisión de conciencia.

Atopámonos cun texto dividido en nove capítulos ao longo dos que se desenvolven as grandes cuestións que hoxe en día van xurdindo ao redor do tema da familia.

Os seus desafíos, o amor vivido desde a realidade sacramental, a fecundidade, as perspectivas pastorais, a educación das crianzas, a fraxilidade e a espiritualidade matrimonial.

Todo un camiño a construír sen prexuízos e na busca sempre da centralidade das persoas e do seu ben, sen aforrar as cuestións cheas de espiños e non poucas dificultades, froito da fraxilidade dos seres humanos e das súas decisións.

 Porén, quen se achega ao texto só coa lupa de quen busca solucións, claras e distintas ao estilo cartesiano, situándose só na letra do que di, sen valorar o contexto de onde xorden as cuestións ao redor da familia e a situación das persoas que nelas se ven inmersas; ou busca erros desde o filtro da ortodoxia normativa de quen só ve en ditas cuestións ou branco ou o negro, levará unha grande desilusión.

Porque o que real e verdadeiramente nos ofrece Amoris laetitia é un trebón de esperanza e alegría realista de quen non fala de memoria nin desde a fría letra da literalidade, senón desde a preocupación de coñecer e recoñecer que as persoas somos fráxiles e non sempre acertamos nas decisións tomadas, sen que iso supoña nin poñelas nas lindes da Igrexa nin nas caldeiras do inferno .

Unha lectura así, marcada polo canon da literalidade, non busca máis ca polémica ou o enfrontamento, mesmo condena; pero non ofrece nin razóns nin esperanzas que alenten a crer e confesar a fe no proxecto de Xesús de Nazaret.

As persoas, na nosa febleza e limitación, estamos marcadas pola nosa capacidade de equivocarnos; pero tamén pola oportunidade de recomezar e volver camiñar sen lastres de desesperanza, condena ou exclusión.

Sendo un texto para todas as persoas crentes, dun xeito especial para aquelas que decidiron fundar unha familia desde o saber que o amor vivido así é unha gran alegría, non é nin exclusivo nin excluínte para ninguén.

É un texto en desenvolvemento, que se vai construíndo paseniñamente no día a día da vida compartida.

Nel faise unha chamada a pastores e teólogos moralistas para que non caian no “tuciorismo” da absolutización da fidelidade á norma, á vez que chama a un necesario discernimento antes de emitir unha valoración moral dunha situación ou dun comportamento concretos, urxindo a que este proceso de achega a coñecer antes de xulgar se faga tendo en conta a necesidade e importancia de acompañar e integrar sempre desde a fraxilidade das persoas que viven esas situacións, e non desde a soberbia de quen se cre ou sente por riba do ben ou do mal de toda persoas e situación, como se fosen as ás dun Deus que todo o abrangue, ve e controla.

A reflexión teolóxica por cuxos vieiros invita a dar pasos, moitas veces pequenos e tímidos.

Esta exhortación supón un comezo de escritura nun folio en branco no que a irregularidade non supón poñer a ninguén fóra da comuñón, e si comprender coñecendo, escoitando e sabendo que a fraxilidade camiña con todas e todos nós; namentres que os prexuízos ensoberbecen e fan crer e caer nunha falsa perfección que nunca é posible porque a persoa, inda que é imaxe de Deus, é tamén libre para tomar decisións e equivocarse unha vez tomadas.

        A gradualidade pastoral (293-295), o paciente realismo (271-279), a necesaria dialéctica entre as normas, que non han estar ausentes, e o discernimento que busca comprender tendo en conta unha visión integral da realidade á que tentamos comprender e responder (304-312), han ser as ferramentas desde onde podemos ofrecer unha palabra que alente, anime e encha de esperanza ás familias, formadas por homes e mulleres, persoas, non robots, que non renuncian, senón que se esforzan e optan por dar razón da esperanza en Xesús de Nazaret, sen crerse superheroes.

        Nin pastores nin teólogos poden ser dos que se comportan “como controladores da graza e non como facilitadores. A Igrexa non é unha alfándega, é a casa paterna onde hai lugar para cada quen coa súa vida ás costas” (A.L. 310).

                                                           Clodomiro Ogando.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.