Moitas luces e algunhas sombras
1.- Un encontro desde a igualdade eclesial diversificada
Como ben sabemos, durante o mes de outubro celebrouse na Cidade do Vaticano o XVI Sínodo da Sinodalidade na súa primeira quenda.
Durante cada un deses días sinodais iamos recibindo información ao final de cada xornada do que se fora traballando entre os pais e as nais sinodais. Si, nais sinodais, pois desta volta entraron a formar parte do traballo sinodal de pleno dereito, é dicir, con opinión e mais voto.
Chamou a atención xa desde o primeiro momento a distribución e a metodoloxía de traballo a desenvolver na aula sinodal.
A diferenza doutras sesións sinodais, desta volta non había bancadas coma no Concilio Vaticano II, estrados ou tarimas nas que se erguesen os poñentes.
Todo o contrario. A imaxe que se nos achegou das sesións de traballo cotián era a de mesas redondas nas que as persoas participantes estaban situadas todas elas ao mesmo nivel e sen ningún tipo de preferencia.
Unha igualdade que respondía unha vez máis á insistencia da papa Francisco de participación desde a escoita aberta e activa.
Pero o estilo das mesas respondía tamén a unha idea recorrente de Francisco en moitas das súas intervencións públicas, nas que insiste na esfera como a mellor imaxe para expresar a súa idea da eclesioloxía.
Un modelo que, a diferenza doutros máis xerárquicos ou piramidais, mostra a igualdade de toda as persoas que participan no diálogo aberto e plural das cuestións propostas para o debate e a reflexión.
Si, porque outro aspecto fundamental que, con insistencia propuxera Francisco, foi o da necesidade da escoita, xa que a diferenza dun parlamento ao uso, onde a confrontación e as diferenzas ideolóxicas separan a uns doutros, o Sínodo quería ser un espazo de encontro desde a diversidade de pareceres e visións.

Foto: Vatican Media
Un espazo de acollida, discusión, diálogo e escoita. Non era a confrontación o que tiña que marcar o decorrer do tratamento dos temas a propoñer.
Neste camiño de novidade metodolóxica, tamén foi relevante e novidoso o comezar cada momento de debate cunha oración na que tomaban parte todas as persoas da mesa.
Púñase así de manifesto que o que as levou a estar alí presentes non eran as ansias humanas de poder e recoñecemento, senón o compromiso de ser pobo de Deus en proceso participativo alentado sempre pola forza e a presenza do Espírito.
2.- Un documento realista e propositivo

Sínodo | Documento de síntesis de la asamblea sinodal, podes velo no link Síntesis da asamblea sinodal
O documento final, mostra do traballo desenvolvido polos pais e nais sinodais, estrutúrase en tres partes que responden aos seguintes parágrafos:
Unha Igrexa en misión para a primeira parte; todos discípulos, todos misioneiros para a segunda; tecer lazos, construír comunidade para a terceira.
A pouco que prestemos atención a cada un destes títulos, dámonos conta de que o esforzo e o traballo das persoas alí presentes mostraba claramente o compromiso de non quedar nunha simple maquillaxe que xustificase a súa presenza en Roma.
Unha Igrexa en misión supón romper con calquera intento de frases baleiras de contido e documentos para non ser lidos por ninguén.
A misión é dinamismo, esforzo, reflexión, discernimento e capacidade de tomar decisións, sen deixarse levar pola falta de transparencia e o proteccionismo extremo da institución.
O compromiso por non deixar de lado ou por non darlle as costas a ninguén ponse de manifesto na segunda parte, cando nos chama a tódalas persoas crentes a ser discipulado e misión. No número 9 desta parte é onde se desenvolve a reflexión sobre a muller na Igrexa (sobre isto volverei nun próximo post).
A terceira e última parte invita, sen excluír a ninguén, a tecer lazos de relación e diálogo como xeito de construír verdadeira comunidade de persoas crentes enchoupadas polo Evanxeo.
Neste marco tripartito, e cunha metodoloxía activa guiada polo método indutivo que parte da realidade e remata na chamada á acción, atopamos vinte grandes temas que se foron tratando e sobre os que, en non poucas veces, xurdiu unha discrepancia non rupturista, senón de escoita e aprecio ao que di quen mostra unha postura contraria.
Todo isto está recollido no documento, estruturado, dentro de cada capítulo, en tres momentos:
As converxencias, as cuestións que deben abordarse e as propostas a esas cuestións.
Isto dálle ao texto axilidade, facendo que a súa lectura sexa doada, áxil e comprensible. Todo o contrario ao que nos teñen acostumados os textos oficiais da Igrexa, na súa maioría longos e moitas veces de difícil comprensión.
Como o mesmo documento explica, as converxencias buscan identificar os puntos fixos aos que pode mirar a reflexión, a busola -compás- que oriente o diálogo.
As cuestións a tratar recollen aqueles aspectos sobre os que é necesario, así o di o texto, “continuar o estudo teolóxico, pastoral e canónico”, cuestións importantes para a vida da Igrexa e tamén no seu diálogo co mundo, sobre as que hai que seguir pensando, dialogando e avanzando para que o anuncio do Evanxeo siga a ser Boa Nova dentro e fóra das comunidades cristiás.
Pola súa banda, as propostas, mostran posibles camiños a seguir; e con elas quérese poñer de relevo que entre as que se recomendan, as que se suxiren ou as que se piden con forza e determinación, vaise deliñando un camiño cara ese horizonte esperanzado no que, sendo Igrexa no e co mundo, se vai camiñando cara un “esjaton” de plenitude.
Toda a bagaxe de cuestións que a partires de aquí vai presentando o documento non é máis que unha síntese clarificadora de que o desenvolvemento das sesións sinodais estivo cheo de momentos de graza e don que ían enriquecendo as diferentes visións dunha Igrexa alí representada, plural, diversa e esforzada por facer da inclusión, que non da exclusión, eixe de fidelidade ao Evanxeo, á construción dunha sociedade máis fraterna e solidaria e ao servizo das persoas, crentes ou non, coas que compartimos ser imaxe e semellanza de Deus, e polo tanto, sempre persoas dignas de respecto e recoñecemento.
Virá a continuación a síntese estruturada, ao redor dos tres aspectos mencionados con anterioridade, e que se mostra en vinte apartados nos que se converxen, abordan e propoñen os diferentes elementos a ter en conta en cada un dos temas estudados, que van desde o sentido da sinodalidade, o sentido e importancia da iniciación cristiá ou a centralidade e protagonismo das persoas pobres na acción da Igrexa, non desde unha visión paternalista ou de asistencialísimo, senón como “lugar teolóxico” no que o Evanxeo se mostra con toda a súa esixencia, honestidade e coherencia; porque como ben se afirma no texto, “amor significa respecto, acollida e recoñecemento”.
Outro dos temas abordados no traballo dos pais e nais sinodais foi o da aposta e compromiso por unha Igrexa inculturada –encarnada– na realidade e non ausente; unha Igrexa ao servizo das persoas, o que supón romper co centralismo romano e europeísta, como tiña sucedido en non poucos momentos dos seus dous mil anos de historia; unha igrexa que ten que saír de si mesma e, asumindo que a realidade é multicultural e multirrelixiosa, ha facer do diálogo relixión-cultura, elemento de encontro e colaboración.
O coñecemento da Doutrina Social da Igrexa, a gran descoñecida dentro e fóra da Igrexa; a volta á teoloxía do Concilio Vaticano II ou a necesidade de romper barreiras e apostar por un ecumenismo de coñecemento e sinodal, van mostrando como a Sinodalidade non é un retrouso insistente do papa Francisco, senón unha esixencia. Máis aínda, unha mostra de fidelidade ao Evanxeo como Boa Nova para un mundo globalizado e precisado de camiños en común para superar fendas de non pouca dificultade.
A partires de esta premisa virán cuestións como:
A importancia da vida consagrada; a renovación do ministerio diaconal e sacerdotal como servizo e non como clericalismo carreirista que sitúa a uns con poder diante e por riba dos outro.
O episcopado como servizo, coidando moito de que non sexa un premio ás elites do clero diocesano, e buscando que a designación dos candidatos sexa froito da opinión ampla do pobo de Deus:.
A importancia do mundo dixital e os retos que á Igrexa se lle van presentando: os bos -que hai que aproveitalos-, e os non tan bos, contra os que hai que loitar.
A importancia dos órganos de participación na Igrexa en todos e cada un dos niveis: universal, diocesano e parroquial; a importancia de que a Igrexa sexa Igrexa de comuñón, e como tal, sacramento universal de salvación non igrexa de poder e imposición, conforman este documento que non quere ser máis que unha primeira achega para reflexionar, discutir e estudar nos diferentes ámbitos eclesiais, para que logo, coas achegas que se lle vaian facendo, poida servir de texto de traballo do que partir na segunda parte deste Sínodo sobre Sinodalidade a celebrar en outubro do 2024
Remato xa, e fágoo manifestando que inda que pola información que nos foi chegando a través dos medios de comunicación, puidera parecer que o Sindo non supuxo nada novo ao que había, unha vez lido o documento vaise descubrindo que non foi así.
Cuestións importantes como os abusos –dos que se fala con claridade e se urxe a que se asuman, por unha banda as responsabilidades que sexan necesarias, e pola outra que non se reduzan ao ámbito da sexualidade, citando expresamente os abusos de poder, conciencia, económicos ou espirituais-; a educación sexual e afectiva na formación das persoas aspirantes á vida relixiosa –seminaristas ou relixioso/as– e no acompañamento aos que son xa sacerdotes ou membros de congregacións relixiosas que evite que a lacra de atentar contra o principio teolóxico que a antropoloxía cristiá pon como eixe de toda a súa reflexión –“somos imaxe e semellanza de Deus”– se volva ver mancillado por aqueles/as que se comprometeron, desde a vida e de por vida, a facelo presente desde o seu servizo ás demais persoas.
Ao lado desta cuestión, nada tanxencial, úrxese tamén a unha nova reflexión teolóxico moral ao respecto da ecoteoloxía, e todo canto desde ela supón a aplicación e concreción na maneira de actuar persoal e comunitariamente todas e todos nós, como así o deixou escrito Francisco na Laudato si e na Laudate Deum.
Tamén en canto á sexualidade/afectividade, úrxese a unha reflexión que, sen perder o horizonte evanxélico, sexa quen de asumir de maneira interdisciplinar as investigacións e os avances da ciencia, sabendo incorporalos á proposta teolóxico moral católica, de xeito que nin a normatividade apoloxética e extrema nin o laxismo líquido sexan os que marquen a reflexión sobre a sexualidade e as diferentes maneiras de vivila e integrala, evitando que sexa a condena e a exclusión a única resposta.
Só crendo e facendo real a cultura da transparencia pode a Igrexa volver ser crible neste noso mundo tan precisado de credibilidade e verdade.
Animo, a todas as persoas que así o queirades, a dedicar un pouco do voso tempo a ler e estudar toda a riqueza deste texto que, como se di expresamente, non é máis que unha achega a continuar na segunda parte a desenvolver no ano dous mil vinte e catro.
Clodomiro Ogando Durán.