A educación.
Bevello Lucis VI
Invítasenos no capítulo sétimo da Amoris Laetitia (259-290) a poñe-la mirada na importancia da educación. Pilastra desde a que ir construíndo e fortalecendo a realidade familiar e persoal, en todos e cada un dos seus aspectos que a conforman.
A importancia da referencia paterna e materna na pedagoxía do crecemento familiar necesita, mesmo esixe, presenza e implicación. Porque só na visibilidade do testemuño, faise crible calquera proposta educativa.
Ísto pide un acompañamento activo, dialogante e con dispoñibilidade para a escoita. A antítese do control, encadeamento e hiperproteccionismo, tan presente en moitas realidades familiares hoxe. E iso ten que ser así porque, se a educación no eido familiar é froito do amor; o amor, ningún amor, encadea e somete.
A familia non é dominio, é diálogo e confianza.
A familia non é dominio, é diálogo e confianza
A educación é un proceso no que se vai crecendo dunha maneira integral.
Contempla múltiples aspectos, abre a unha mirada exterior, e é capaz de integrar e discernir, para integrar o positivo que se ve fóra, no proceso educativo familiar. Por iso debemos dicir que a educación supón ser unha tarefa, realidade en camiño, non punto de chegada.
A educación non responde a ningún algoritmo. Nela son importantes, fundamentais, as referencias que se mostran e descobren no actuar coherente e sinxelo de pais e nais.
Educar é tamén camiñar no descubrimento e integración da perspectiva moral. Non todo vale, non todo da igual, non todo é o mesmo. E é aquí onde o papel dos pais e nais é fundamental.
Non para impoñer ou obrigar a facer mimeticamente o que eles fan ou pensan, senón como a referencia desde a que poder contrastar, a medida que fillos e fillas van crecendo e descubrindo outras visións máis alá das do ámbito familiar.
Educar pide deixar espazo a quen vai descubrindo, e discernindo, que pasos ten que ir dando, ou que camiño seguir.
A intolerancia, a imposición, a represión non son elementos que fagan posible un proceso que quere acadar a madurez. Por iso non cansa de insistir Francisco ao longo de todo o capítulo que a educació é necesariamente proceso.
Educar é camiñar. Querer camiñar, sabendo gardar distancia, sen interferir, pero ofrecendo propostas e medios para poder pensar e decidir de xeito ordenado e progresivo.
Ninguén nace educado, e tampouco ninguén pode dicir cheguei ao cumio. Sendo camiño necesita actitudes para ir integrando o universo moral no que se invita a crecer. Un universo que vao conformando a estabilidade dun proxecto ético desenvolvido en liberdade e acompañado pola presenza referencial, non impositiva, de pais e nais. O que só pode facerse desde o cultivo paciente dunha liberdade respectuosa da escoita e acompañamento.
Como non sempre se acerta neste ir crecendo, as equivocacións van poñendo de manifesto que a realidade, e as persoas que a conformamos, é limitada e falible. E a autonomía, que tantas veces reivindicamos ao falar da educación non é nin absoluta nin egocéntrica. Necesita referentes, para poder contrastar e seguir avanzando.
Non todo vale, non todo é bo e marabilloso, as maneiras de actuar e comportarnos, cando danan, teñen consecuencias, e é necesario asumilas.
Corrixir é parte integrante do proceso educativo.
Descubrir a propia limitación, afasta a tentación militarista e marcial de converter a educación pura e simplemente no cumprimento de formas externas.
Educar fai posible a interiorización e integración no universo moral que se está a construír. O crecemento moral, todo crecemento moral, porque é de persoas, necesita sabedoría para acompañar tamén na fraxilidade compartida (271).
A responsabilidade de pais e nais nesta escaleira de maduración, suponlles ter sempre presente a importancia da coherencia entre o que lles piden a fillos e fillas e o que eles van mostrando co seu actuar. Non se pode esixir o que non se está disposto a dar.
Porque a educación non é un catálogo que se abre e desprega para ensinar, senón un proceso no que gradualmente hai que ir avanzando. E sabendo que as persoas non somos todas iguais, é necesario adecuala a cada persoa e as situacións, plurais e diversas, nas que esta se atopa.
Cada proceso é persoal, único, especial, adecuado a cada persoa. Non se educa a eito.
E neste sentido pais e nais han prestar moita, pero moita atención, para saber diferenciar sen ferir; saber potenciar sen minusvalorar; saber esixir sen impoñer. O que afasta calquera teoría que se mova na inmediateza do agora e xa.
Non son as pantallas, senón as persoas as que educan e son educadas. A socialización fainos sentir iguais, e potencia o que nos distingue, á vez que pode enriquecer aos demais.
Neste proceso educativo non se ha de dar as costas, ou mirar para outro lado, ou deixar que sexan as “pantallas de plasma” as que ocupen o lugar de pais e nais, á educación da sexualidade. Porque se a sexualidade é unha dimensión importante na vida das persoas, esta ten que ser educada na perspectiva de que é boa, don de Deus e chamada a ser vivida desde a madurez e o respecto por cada unha e cada un de nós.
A antropoloxía cristiá asentada no ser imaxe e semellanza de Deus, ha ser raíz desde a que propoñer unha visión da sexualidade liberadora e positiva.
Nin o pecado nin a culpabilidade poden ser referencias desde as que propoñer a visión cristiá da sexualidade.
E desta tarefa, pais e nais, non poden desentenderse deixando noutras mans o que ten que ser acompañamento marcado pola escoita, o diálogo e a transparencia cara á formación dos seus fillos e fillas.
Falar de sexualidade invita a deixar atrás os silencios, a dobre linguaxe ou a falacia de que xa se irá aprendendo co paso do tempo. Sendo don e tarefa, non se ha de reducir a un coidarse, a un evitar, a un desconfiar de quen se achega .
Ao contrario, abordar o tema da sexualidade desde unha proposta educativa pide sinceridade, claridade e linguaxe que mostre que sendo algo bo, bonito e verdadeiramente don de Deus, é necesario ila vivindo sen medos e desde a pedagoxía de quen sabe que o amor se vai desenvolvendo no tempo e de formas diversas e plurais ( 285). Como un valor que encerra outros moitos valores.
E Se educar é crecer, tamén crecemos no ámbito da sexualidade, onde se nos chama a descubrir para crecer e vivir; onde a tenrura, o cariño, o respecto, o descubrimento da diferenza, móstranos que as persoas somos iguais, si, pero tamén diferentes. E nesta reciprocidade complementaria está a felicidade.
Neste proceso tan longo, paciente e importante, a fe é man que acompaña, corazón que alenta e experiencia comunitaria que nos descobre a alegría do crecer ledicioso.

Invito a achegarse a este capítulo sen presa, e coa capacidade de repensar moitas das ideas que, ao mellor, necesitamos cambiar para que a educación sexa un verdadeiro proceso e non un simple reducionismo ás boas formas.
Clodomiro Ogando.