Coresma: tempo de discernimento de amplo horizonte
O mércores da cinsa comezabamos o tempo litúrxico da coresma. Corenta días nos que se nos invita, desde o noso deserto persoal, a ir camiñando para que cada un dos nosos pasos vaian deixando pegada de conversión, transformación e cambio interior.
Neste camiñar invítasenos a ir mudando o corazón de pedra nun corazón de carne que aqueza, latexe, achegue e fraternice. Si, porque a fraternidade non é un concepto abstracto e baleiro, senón un estar actuando sempre activo e, como se di agora, ubicado nun espazo e nun tempo pensados desde e coas persoas. Porque “o amor vai máis alá das barreiras da xeografía e do espazo” (F.T.1).
Por iso é tan importante este trasladarnos da dureza e friaxe da pedra que non sente á calor latexante do corazón que sabe estar alí onde se lle precisa para que as irmás e os irmáns non vaian quedando nas beiras do noso pasar só mirando cara adiante, sen tomar conciencia de quen non pode avanzar con dignidade e recoñecemento, sen parar e ser capaces de mirar a quen temos ao lado como persoas, iconas da presenza de Deus, latexo de alegría desde a man ofrecida e o camiño compartido e en transformación real e liberadora.
Coresma é camiñar en sentido e con sentido, non ao chou de ritos e costumes, por moi socializadas que estean entre nós, na busca de todo canto faga posible avanzar para que a Pascua sexa tempo de esperanza, solidariedade compartida e amor xenerosamente entregado ao servizo da xustiza e da igualdade.
Ao estilo e seguindo as pegadas do Xesús que pasou pola contradición da cruz, morte e vida, fracaso e triunfo que se vai mostrando no pan compartido, na superación do medo que nos inhibe e non nos deixa saír dos noso grupos estufa, tantas veces máis preocupados por mirar a un atrás, por moi glorioso que teña sido, que non volverá, no canto de, poñendo os pés no chan, asumir o presente como realidade da presenza de Deus e que mira ao futuro como plenitude esperanzada de quen sabe que a paciencia, a constancia e máis o esforzo pola coherencia persoal e comunitaria, abren camiño de compromiso e mais esixencia; á vez que fan agromar un futuro que só se pode construír desde un presente que segue avanzando e superando dificultades, para que, de verdade, poida sobrecear o novo sol de humanidade compartida que nos trae a Pascua.
Formular teoricamente o anterior é ben doado; convertelo en vida, concretalo nos nosos comportamentos, actitudes, dispoñibilidades e capacidade de aterrar na realidade poñendo os pés na terra, xa é outro cantar. Porén, non podemos deixar que este tempo no que se nos invita a reprantexar moitas das nosas seguridades, descorra como se fose un retrouso que volve cada ano, e que se exterioriza na rutina do non comer carne os venres ou deixar de comer entre horas algúns dos días marcados no calendario litúrxico. Non, porque o camiño coresmal, como o camiño sinodal, teñen que ser dinámicas asumidas interiormente e manifestadas exteriormente. E isto fainos virar a mirada, tantas veces miope, das nosas falsas seguridades.
Un xeito de ir concretando e baixando do xeral ao particular, do global ao local, do abstracto ao real esforzándonos por poñerlle nome e cara ás situacións, evitando así que o que digamos se quede única e exclusivamente en palabras. Por iso invito a que esta coresma nos propoñamos revisar actitudes e comportamentos en relación a tres realidades que neste momento na sociedade, e tamén na Igrexa, se están a converter en cuestións “disputatae”: a atención ás persoas divorciadas e separadas, a visibilidade da muller suxeito eclesial en igualdade de condición aos varóns e o trato digno e respectuoso das persoas homosexuais.
O tempo dos retrousos inmutables e de poder xa pasou. Porque cremos que a igualdade ten que ser real, non diferenciamos nin por xénero, nin por condición sexual nin tampouco por lóxica de poder. E con isto non pretendemos nin deconstruír nin relativizar a moral cristiá, senón enchoupala de Evanxeo ao estilo de Xesús. A incapacidade de ver a dialéctica entre continuidade e descontinuidade e o necesario diálogo entre pasado e presente leva a que as afirmacións e posicionamentos diante de situacións que as persoas viven, experimentan e senten como traxedias, sexan respondidas desde un estereotipo intolerante de pretendida fidelidade á Tradición que, apelando á forza da norma, se limita a impoñer como camiño a literalidade normativa xenérica e atemporal.
Como di o papa Francisco ao respecto:
“Poñemos tantas condicións á misericordia que a baleiramos de sentido concreto e de significación real, e esa é a peor maneira de licuar o Evanxeo” (A.L.311).
En tempos de sociedade e comportamentos líquidos, tamén, en non poucas ocasións, caemos na intolerancia do totalitarismo moral, sen ter en conta a necesidade, non “dunha fría moral de escritorio ao falar sobre os temas máis delicados” ( A.L.312), senón de facer deste tempo de coresma experiencia de “discernimento pastoral cargado de amor misericordioso, que sempre se inclina a comprender, a perdoar, a acompañar, a esperar, e sobre todo a integrar” ( A.L.312)
Nesta fraternidade que urxe á Igrexa a ser “hospital de campaña”, correspóndenos evitar xuízos, superar prexuízos para percorrer camiños de samaritanía que guíen pasos e actitudes de cantas persoas nos sentimos irmandadas, e que, como o samaritano, non “agardamos recoñecementos nin gratitudes” (F.T. 79)“. Isto supón que non podemos “experimentar o valor de vivir sen rostros concretos aos que amar” (F.T.87).
Correspóndenos esforzarnos para que o camiño da coresma non quede en rutinas aprendidas ás que nunca se lles cuestiona o cando, como e por que, para convertelo nun un camiño que nos vaia purificando de todas as adherencias que se van pegando na nosa vida; adherencias en forma de prexuízos, exclusións, acosos, desconsideracións, silencios, invisibilidades e atentados contra a dignidade compartida no Deus amor que mira ao corazón das persoas, que urxe á xustiza e segue a sementar, en todas e todos nós sen exclusión, presenza da súa imaxe e semellanza presente en cada unha das persoas. Máis alá do seu, xénero, condición e orientación sexual, as fráxiles decisións equivocadas ou as relacións feridas.
Remato cun parágrafo da encíclica Fratelli tutti do papa Francisco onde nos invita á esperanza, que «nos fala dunha realidade que está enraizada no profundo do ser humano, independentemente das circunstancias concretas e os condicionamentos históricos en que vive. Fálanos dunha sede, dunha aspiración, dun anceio de plenitude, de vida lograda, dun querer tocar o grande, o que enche o corazón e ergue o espírito cara cousas grandes, como a verdade, a bondade e a beleza, a xustiza e o amor. […]
A esperanza é audaz, sabe mirar más alá da comodidade persoal,
A esperanza é audaz, sabe mirar más alá da comodidade persoal, das pequenas seguridades e compensacións que estreitan o horizonte, para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis fermosa e digna». Camiñemos en esperanza (F.T.55)“.
Clodomiro Ogando Durán