A espiritualidade como experiencia de comuñón social.
Besbello Lucis VIII
Os números 313 ao 325 conforman o último capítulo da Amoris laetitia.
O seu título, “Espiritualidade matrimonial e familiar”, pon de manifesto que Francisco quere pechar o documento reflexionando sobre a relevancia da espiritualidade no desenvolvemento e na madurez da realidade matrimonial e familiar. É esta unha perspectiva enriquecedora, na medida na que tenta superar a visión do matrimonio como un simple contrato no que ámbalas dúas partes están conformes coas condicións establecidas pola lei; sexa esta civil ou canónica.
Afastándose deste reducionismo normativo, e tendo sempre presente toda a reflexión desenvolvida ao longo dos oito capítulos anteriores, a proposta na que insire a espiritualidade que brota da vida familiar ten a súa raíz no dinamismo do proxecto de amor e salvación que Deus nos ofrece en Xesucristo, e que sitúa a opción de vida matrimonial no camiño do seguimento desde a comuñón comunicativa entre todas e cada unha das persoas que conforman a realidade familiar.
Como ben recalca o número 315, “o Señor habita na familia real e concreta, con tódolos sufrimentos, loitas, ledicias e intentos cotiáns”.
A mística da espiritualidade non é unha construción abstracta e afastada da experiencia real, visible e complexa da realidade familiar.
O proxecto matrimonial desde o que se vai desenvolvendo a familia non lle dá as costas nin a canto pasa no mundo, nin a como todo iso que pasa inflúe na convivencia, nas relacións, na linguaxe, e mesmo na maneira de percibir a presenza de Deus en toda esa complexidade de relacións marcadas polo respecto e a igualdade, que se van concretando nas decisións e vivencias das persoas que conforman a realidade familiar.
Ninguén pode esquecer que a realidade familiar está composta por persoas que aportan toda a súa bagaxe, positiva ou negativa, de canto vai influíndo nas súas vidas e marcando a relación entre elas.
Isto non pode facerse como se fose un vínculo simplemente xurídico; senón que precisa da fondura dunha espiritualidade do real en igualdade e liberdade, desde a que os membros da familia se van coñecendo, respectando, querendo, avanzando e crecendo nun proxecto de amor que trascende a realidade material e que é necesario renovar e revisar na medida na que matrimonio e familia desenvolven a súa vida nun contexto histórico, cultural e social concreto e cambiante e, non poucas veces, sometido a tensións e mesmo a contradicións.
Neste camiñar de realismo cotián, a experiencia orante nun Deus que se percibe achegado e compañeiro de camiño, vai facendo que nos pequenos xestos do convivir, se vaia despregando a dimensión espiritual na que se aprende a escoitar, agradecer, acompañar e comprender as fraxilidades desde a xenerosidade do amor e o recoñecemento cara ás outras persoas que comparten teito, pan e proxecto de vida.
Esta comuñón familiar vai despregándose como camiño da santificación, sen ter que renegar nin do contexto no que van acontecendo as cousas nin da naturalidade desde a que se conforman as relacións entre persoas coñecidas e recoñecidas, que non estrañas, baixo un mesmo teito. Isto leva sempre a que a realidade matrimonial non sexa entendida como experiencia nin idílica nin illante. Todo o contrario: confórmase unha convivencia na que se vai tomando conciencia da dimensión social da realidade familiar. Todo canto pasa e lles pasa é importante para a conformación do ethos social no que matrimonio e familia se van desenvolvendo, abrindo así os ollos ao compromiso por mellorar o mundo, Casa común, onde ninguén sobra, e todas as persoas somos necesarias; inda que non imprescindibles.
A familia é única, e na súa unicidade móstrase como realidade que se incorpora e integra no mundo plural e poliédrico, desenvolvendo a súa misión e atopándose con outras experiencias que, unha vez coñecidas, se van enriquecendo mutuamente. Isto converte a espiritualidade matrimonial nunha experiencia de encarnación e comuñón recíproca.(316).
A centralidade desta experiencia vaise vendo acompañada pola experiencia de Xesús, que non viviu illado nin de costas ao mundo e á realidade familiar, senón que asumiu tamén a tarefa de facer do amor dialóxico, ao modo da comuñón trinitaria, experiencia de relación e fraternidade na familia de Nazaret.
Coma El, tamén a vida de familia está chamada a ser vivida como proxecto de participación e esperanza –por iso non se esgota nos fracasos nin se ensoberbece nas ledicias– na vida plena co Resucitado. E que mellor xeito de experimentalo que a través da oración de gratuidade na realidade familiar, abríndose a superar a tentación do narcisismo individual, ou mesmo comunitario.
O proxecto de vida familiar non consiste en crerse máis perfectos nin mellores ca os demais, senón no camiñar nun amor exclusivo e libre que se desprega no tempo, “gastándose e desgastándose en comuñón”, o que marca un estilo de vida concreto, maduro, libre, sempre fiel e nunca sometido ou controlado.
O camiño espiritual é sempre liberador, e chama á ilusión mutua e compartida no proxecto de amor no que as persoas que o conforman, convértense en “cooperadoras da graza e testemuñas da fe”.
A familia convértese así en hospital onde se acolle sen discriminar e desde onde se presta atención sen as urxencias do reloxo. Crecer neste proxecto de recoñecemento entre iguais revela que “a vida en parella é participación na obra fecunda de Deus” (321), convertendo o estilo de vida familiar cristián nun “pastoreo misericordioso”, onde non se pasa minuta nin do tempo dedicado, nin do sufrimento compartido, nin tampouco da xenerosidade entregada desde a mirada de Deus.
Abrindo novas fendas para a Teoloxía Moral cristiá A proposta moral que emana do texto de Francisco supón un antes e un despois para a teoloxía moral católica.
Amoris laetitia invita a un traballo creativo e transdisciplinar, no que discernimento e conciencia son propostos como eixes que artellan unha Teoloxía Moral:
- De discernimento e maioría de idade desde a identidade do Evanxeo e a centralidade de Xesús de Nazaret.
- De autonomía e maioría de idade da persoa, imaxe e semellanza, e chamada a ser construtora do seu proxecto en perspectiva social.
- De toma de reflexións e toma de decisións reais, concretas e históricas, afastándose da tentación de controlar, someter e impoñer.
- De reafirmación do sacerdocio común de todas as persoas bautizadas, superando o patriarcado clerical de imposición e dirixismo.
- De liberdade, desde a que se descubre que toda decisión esixe esforzo, madurez, e capacidade para tomar e asumir consecuencias. Na antítese do subxectivismo relativista e do obxectivismo integrista.
- De saber facer da alteridade e da empatía miolo das situacións e decisións que se discirnen e reflicten, buscando a igualdade e poñendo oídos atentos e ollos abertos a canto ocorre no poliedro da realidade plural da que formamos parte.
- De valorar que a dignidade e a responsabilidade son eixes raíz nos que comezar a desenvolver todo proxecto que queira ser desde e para a persoa.
- De empeñarse en converter a opción fundamental e a opción preferencial polas persoas empobrecidas, en eixo, ao estilo da proposta de Xesús.
- De realismo e historicidade, que non esquece a debilidade e o fracaso, como realidades coas que sempre se ha contar ao falar de proxecto e opción de vida. Unha teoloxía moral propositiva e enraizada na cotidianeidade do humano.
- De sentido, servizo e liberación, sempre á procura dunha vida feliz e plenamente humana.
Clodomiro Ogando Durán.