A ledicia do Primeireo
A ledicia do Primeireo

A ledicia do Primeireo

A ledicia do Primeireo

Francisco trae unha linguaxe nova ao anquilosado mundo das estruturas vaticanas e da Igrexa universal.

Utiliza termos que, alomenos aquí na vella Europa, soan demasiado novidosos para poñelos na boca dun papa que representa a unha das institucións cunha grande historia de poder e dominio, espiritual e temporal, nos dous últimos milenios.

Superando a tentación ockamista de propoñer palabras baleiras de contido, a linguaxe de Francisco aporta non só palabras novas, senón tamén frescura.

A frescura da creatividade lingüística.

Un recurso que emprega como forma de actualizar unha linguaxe que para moitas persoas xa soa como incomprensible e para outras tantas resulta alleo e estraño ás súas vidas.

Quere saír o papa ao rescate dunha necesidade:

Poñer a mensaxe de Xesús no centro do anuncio da Igrexa.

E todo isto, diante dun mundo precisado de testemuños e propostas que enchan o baleiro dunha deriva intelectual e vital cortoplacista e sempre apresurada; o que acaba levando a atoparnos con persoas entristecidas, desacougadas e sen razóns que asenten e manteñan que paga a pena ser cidadanía do mundo.

 

Neste buscar que se lle entenda, do mesmo xeito que fai Xesús ao utilizar as parábolas como medio para dar a entender a súa proposta de salvación e esperanza, ao pouco de ser elixido utiliza un termo que para nós, homes e mulleres con tendencia Europacéntrica, descrida e existencialmente baleira, resulta raro, cando non incomprensible, se nos limitamos simplemente a escoitalo sen facer o esforzo de comprendelo.

Estoume a referir á palabra PRIMEIREAR, que é utilizada por Francisco nun texto que se considera o seu programa de goberno do pontificado, chamado EVANGELII GAUDIUM (A Ledicia do Evanxeo), publicado en novembro de 2013.

Primeirear é un verbo con significado de perder medos, asumir responsabilidade, tomar a iniciativa, adiantarse… sempre con sentido propositivo e de dar un paso cara diante sen complexos de inferioridade nin pecado de soberbia.

E todo para que evanxelización e compromiso acheguen cal é o verdadeiro rostro co que se nos mostra Xesús no mundo de hoxe a todas as persoas que o conformamos.

O termo é novo, polo que podemos dicir que o papa crea un neoloxismo a partires do adxectivo primeiro e o sufixo ear, querendo expresar sentido de acción, actitude activa, tarefa a desenvolver.

Nunha palabra: o primeireo ao que nos invita Francisco é un xeito verdadeiramente positivo e dinámico de facerse presente no medio do mundo para dar razón, sen complexos, da esperanza que compartimos en Xesús de Nazaret:

“Atrevámonos un pouco máis a primeirear! (EG 24).

O primeireo supón decisión persoal e meditada, non é un simple arrouto dunha decisión tomada ao chou.

Primeirear esixe reflexión, análise, discernimento e fondura orante para que os froitos desta sementeira se poidan recoller en abundancia.

 

O primeireo é atrevemento e superación de calquera actitude ou comportamento vergoñoso.

Se o Evanxeo é boa nova... como non imos sentir a ledicia de compartilo, anuncialo, comunicalo e facer del guieiro do vivir cotián!

Tal primeireo ha facerse fóra das nosas hamacas de conforto, no medio do mundo, entre as dores e esperanzas de persoas concretas, reais, non mera ficción abstracta de teoloxía escolástica.

O primeireo ao que se nos chama ás persoas que conformamos o grupo de “audientes” da proposta de Xesús é un camiño de evanxelización ao que non podemos darlle as costas, porque nel estamos implicados e implicadas cada vez que dicimos: creo.

Vivindo no abandono e na tentación de vivir a fe a modo de trincheira protectora só dentro dos templos e rodeados dos “nosos e nosas”, nunca seremos capaces de experimentar o gozo de coñecer, compartir, escoitar e dialogar con quen pensa, vive, reza, ou non, de xeito, forma, maneira e visión a como o facemos nós.

Só dando un paso cara diante entenderemos que o primeireo non é unha pose aparente nin tampouco un rancio intento de controlar e dominar a conciencia de quen non pensa coma min.

O primeireo ponnos na rampla de saída dunha Igrexa sen complexos e ilusionada por levar ao mundo a forza, sempre novidosa, dunha mensaxe que nos chama a ser, cada dia, e desde alí onde estamos, comunidade que acolle, escoita, acompaña. Porque tal me como nos di Francisco:

A Igrexa en saída é a comunidade de discípulos misioneiros que primerean, que se involucran, que acompañan, que frutifican e festexan.

“Primerear”Saiban desculpar este neoloxismo.

A comunidade evanxelizadora experimenta que o Señor tomou a iniciativa, que primereou no amor (cf. 1 Xn 4:10); e, por iso, ela sabe adiantarse, tomar a iniciativa sen medo, saír ao encontro, buscar aos afastados e chegar ás encrucilladas dos camiños para invitar aos excluídos” (EG 24).

Primeireemos xa !

 

Clodomiro Ogando.

 

compartir la fe - Primeirear

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.