Fiducia supplicans
1.- Un texto de acollida diante da intolerancia uniforme
O Dicasterio para a Doutrina da Fe publicou o 18 de decembro de 2023 unha Declaración que levaba a sinatura do Papa Francisco.
O tema abordado –o das bendicións a persoas divorciadas, ás non casadas sacramentalmente e a parellas homosexuais- é unha das cuestións que neste momento están a suscitar un debate, moitas veces crispado e irracional, contra o Papa Francisco e o seu maxisterio por parte dos sectores máis conservadores e inmobilistas da Igrexa Católica.
Tal está sendo a contestación por parte destes grupos, que o mesmo prefecto do Dicasterio, o cardeal arxentino Víctor Manuel Fernández, tivo que saír en varias ocasións para explicar o sentido e o obxectivo do documento, insistindo en que é un texto de contido pastoral, nin litúrxico nin dogmático.
O texto desenvólvese na dialéctica entre a pastoralidade e a misericordia, para unha Igrexa en saída e atenta á realidade e situación das persoas, sempre máis importantes que as normas.
Polas reaccións que se foron suscitando desde estes grupos eclesiais máis conservadores, parece que o texto non lles gustou moito, o que os levou a iniciar toda unha ofensiva irrespectuosa, extrema e que non dubida recorrer á mentira na interpretación do mesmo, coa persoa do papa Francisco e co que el representa nunha institución, como é a Igrexa, que ten como misión facer vida o evanxeo.
Chama moito a atención esta reacción, porque estes grupos sempre foron dos que se presentaban como os defensores do papado, do seu maxisterio e da ortodoxia que o papa, na súa misión como cabeza da Igrexa, representa.
En situacións anteriores, e con outros papas, non dubidaban en situar fóra da Igrexa -excomuñón- a quen ousara cuestionar afirmacións ou decisións papais. Considerábanse, mesmo se consideran, inda que agora da outra banda, os defensores e gardiáns da fidelidade á Tradición da Igrexa.
O texto, que comeza cunha presentación a cargo do Cardeal Prefecto do Dicasterio sobre o sentido pastoral das bendicións, consta dunha introdución e logo desenvólvese en catro momentos:
- A bendición no sacramento do matrimonio, sentido das distintas bendicións.
- Bendicións de parellas irregulares e do mesmo sexo
- E no cuarto apartado, a presentación da Igrexa como sacramento de amor infinito.
É aquí, desde este cuarto parágrafo desde onde hai que entender a razón e o obxectivo do mesmo.
Porque se a Igrexa non é quen de verse como sacramento de amor, dificilmente entenderá o sentido dunha bendición para quen vive na fraxilidade, na incomprensión ou no xulgamento continuo e constante por parte de quen se cre incólume e de moral intocábel e inatacábel.
2.- Un papado de misericordia que fai das palabras feitos
Desde o comezo do seu maxisterio, e nunha liña de constante coherencia, Francisco ten reivindicado a Igrexa como un hospital de campaña que acolle, escoita, acompaña e integra fronte á alfándega inmisericorde que todo o pasa polo obxectivismo dunha moral ríxida e afastada da realidade, da vida e das preocupacións das persoas.
Ser Igrexa hospital supón ser Igrexa de misericordia, que non se limita a coñecer normas e a aplicalas, senón que desde a samaritanía do exemplo de Xesús, adoita baixar da cabalgadura para untar con aceite rexenerador ás persoas feridas que vai atopando á beira do camiño.

E isto é o que busca a Declaración Fiducia supplicans (Confianza suplicante) ao longo dos corenta e cinco números que a compoñen.
Sen pretender entrar a cambiar, reformular ou suprimir ningún dos principios de teoloxía dogmática ao respecto do valor da sacramentalidade do matrimonio, e da súa concreción na decisión libre e voluntaria, desde o amor, do home a da muller, para compartir un proxecto de vida e amor na complementariedade.
Non é este nin o sentido nin a razón da Declaración. A súa dinámica é outra, e bastante afastada das cuestións dogmáticas.
Busca ser unha Igrexa bálsamo de acollida e icona da presenza de Deus a través de algo tan sinxelo aparentemente, pero con tanta fondura para quen a solicita e recibe, como é unha bendición; un dicir ben de Deus na mediación desa Igrexa que escoita e acolle sempre na misericordia, sen escandalizar nin escandalizarse, senón dicindo simplemente:
Deus quérete como ti es, coas túas fraxilidades e coas túas fortalezas. Fortalezas e fraxilidades que están presentes en todas as persoas e que non han levar a que algunhas se crean mellores ou superiores ás demais.
Na vida hai situacións que chegan sen elixir; outras elíxense pero non saen ben; as demais acertan. En todas e cada unha delas Deus está presente como compaña e forza. E isto é o que a Declaración quixo ofrecer, como recendo de agarimo dun Deus que só pode ser amor e nunha Igrexa que está chamada a ser vieiro polo que se vai desenvolvendo ese amor. Sen prexuízos, froito de ríxidas pedagoxías obxectivistas. Chamada a ser comunidade que se mostra como sacramento de salvación para todas as persoas.
3.- Unha bendición para crentes, expresión do amor de Deus incluínte
E non debemos esquecer que o documento, sen ser exclusivo, si que está dirixido fundamental e principalmente a persoas crentes que se descobren, sen telo escollido, de condición sexual diversa; ou parellas ás que a fraxilidade chegou as súas vidas logo dunha decisión que crían a mellor para compartir a vida con outra persoa.
Porque nin a homosexualidade nin as separacións e divorcios son obxectivos que se busquen por riba de todo. Ao contrario, son situacións que chegan e ás que hai que darlle unha resposta desde a misericordia do Deus que nos crea por amor e desde o amor.
Nin a moral, froito da reflexión humana, nin a normativa canónica, lei positiva ao fin e ao remate, son quen de impedir a ninguén saborear o recendo do Deus amor a través dunha bendición que non xustifica situacións, pero que si se ofrece como bálsamo rexenerador de misericordia.
Detrás da aceptación ou rexeitamento do todo canto no documento se propón –non o esquezamos, non é unha norma nin unha imposición, senón unha proposta de acollida e esperanza misericordiosa- non podemos máis que atopar unha maneira de ser, vivir, compartir e celebrar a fe e da imaxe de Deus que esa fe supón e pide concretarse no actuar cotián.
Só quen, mergullándose nas páxinas do evanxeo, é quen de descubrir que o actuar de Xesús vaise desenvolvendo desde o seu “vinde benditos do meu Pai” (Mt 25,34ss) poderá entender o que move ao papa Francisco e con el a quen neste momento preside o Dicasterio para a Doutrina da Fe, a publicar este texto que, no seu fondo e forma, se ofrece a un mundo precisado de accións e fundamentacións de humanidade e acollida desde unha Igrexa fiel a si mesma querendo ser sacramento universal de salvación sen exclusións nin anatemas.

Diante do rebumbio mediático e ideoloxizado orquestrado por cardeais, bispos, curas e leigos desde o seu inmobilismo e asentados nunha visión clericalista e de poder na Igrexa, non debemos esquecer nunca, volvo reiteralo, que o documento o que busca é situarse na praxe pastoral da Igrexa que, seguindo as pegadas do Mestre Xesús, quere ser berce agarimoso de acollida e tenrura para tódalas persoas, sen facer exclusións por razón de xénero, maneira de vivir ou decisións na busca de canto as levan a ser cada día máis benaventuradas (Mt 5,12), inda que esa procura da benaventuranza sexa non só incomprendida, senón perseguida e xulgada.
Porque só sendo unha Igrexa -e nela as comunidades cristiás, que non son entes abstractos, senón que están conformadas por persoas que viven, senten, acertan, se equivocan, buscan… sempre e por riba de todo ser felices tal e como, unha e outra vez, insiste Xesús desde a Boa Nova do evanxeo- conformada por persoas capaces de esforzarnos por querernos e querer, só desde aí seremos quen de entender que a fe, vivida desde a pertenza á comunidade, non é unha proposta para súper heroes, senón para persoas, homes e mulleres, de carne e óso, que coas súas ledicias e tristuras, cos seus acertos e as súas equivocacións, coas súas ilusións e fracasos, só queren, só queremos ser felices.
A bendición é unha das formas, non a única, de dicir no nome de Deus, e sen ningún tipo de prexuízos, que Deus quérenos como somos, porque o seu amor é real, non un construto teórico e abstracto que queda moi ben nas proclamas multitudinarias e nos libros, pero que despois non se aplica na vida e na cotidianeidade do noso descorrer entre luscos e fuscos que a van conformando. E sempre será mellor e máis fiel ao que constantemente invitaba Xesús (Lc 6,27) e recollía Paulo na carta aos Romanos co seu “bendicide e non maldigades”(Rom 12,14).
4.- Que é o que está a pasar na Igrexa?
No remate desta achega ao redor da “Fiducia supplicans”, e diante de todo o dedo acusador e vitimista que desde certas tribunas mediáticas ideoloxizadas -que non de fe- se está a lanzar, e do que non están ausentes tampouco algúns responsables de Igrexa, e mesmo algúns deles que xuraron -e supoñemos que non en falso- dar o seu sangue na defensa do papa.
As persoas crentes que seguimos pensando que Xesús e a súa mensaxe son para nós razón e esperanza desde a que vivir e ser felices, non debemos aceptar como boas nin eclesiais estas actitudes que, no nome da fidelidade, a ortodoxia, a Tradición e o xuradísimo canónico, diferenzan e cualifican ás persoas ben como cristiás boas e fieis e pecadoras e heterodoxas, segundo sexan afíns, ou non, á súa visión, que presentan como única e válida para vivir a fe e sentirse Igrexa.

Preguntémonos logo que é o que está a pasar nesta nosa Igrexa -sempre santa e pecadora- na que no canto de poñer os ollos no Evanxeo e no actuar de Xesús, segue a establecer criterios de imposición, poder e forza que exclúen ás persoas segundo uns criterios de poder e control e non de evanxeo, por moito que se diga o contrario.
A evanxelización, tal e como nos lembraba Paulo VI na exhortación “Evangelii nuntiandi” alá polo ano 1975, esixe o compromiso real e histórico, desde a opción pola xustiza e polas persoas empobrecidas.
Unha afirmación que se asenta na fidelidade ao Evanxeo e na teoloxía da encarnación do Concilio Vaticano II que nos ofrecían a “Lumen Gentium” e a “Gaudium et spes”.
Porque só unha igrexa sacramento universal –para todos e todas- de salvación e encarnada nas alegrías e esperanza da xente, poderá ser rostro do Deus que se fai humano coma nós.
Bendigamos, fagámolo sen poñer límite, e acollamos na gratuidade do amor de Deus que nunca diferenza!
Clodomiro Ogando Durán. 2024.