Besbello lucis VII
Besbello lucis VII

Besbello lucis VII

O agarimo da fraxilidade acompañada no aloumiño da comprensión

O noso percorrido polo texto de Francisco chega hoxe ao capítulo oitavo (291 – 312). Un capítulo que para algunhas persoas supuxo un respiro de apertura fronte a unha praxe pastoral redutora e puramente normativizadora; namentres que para outras foi a gota que fixo rebordar o vaso do laxismo moral e a introdución dun relativismo subxectivista que viña, cal cabalo de Troia, derrubar a férrea doutrina da Igrexa sobre o matrimonio ao longo dos séculos.

Porén, un espírito libre como o do papa Francisco non buscaba confrontar, senón ofrecer liñas de reflexión e propostas de acción que fixeran viable o discernimento nas situacións concretas nas que a fraxilidade fixera xurdir o conflito.

O papa non quería máis que achegarse, como o “hospital de campaña” que sempre ha ser a Igrexa, coas mans cheas do bálsamo reparador, que vai facendo que as feridas sintan a suavidade da man que se achega como nai para apertar nos seus brazos ás fillas e ós fillos que precisan de acollida, escoita e acompañamento.

Unha tríade que se desenvolve desde o realismo da vulnerabilidade de quen, sabéndose fráxil, agradece non a condena e si a escoita.

Asumir que a fraxilidade necesita ser integrada, tal e como xa se expresa no título do capítulo, sitúa o documento no ámbito dunha moral de actitudes centrada na persoa.

As normas son propostas como elementos de integración do proceso de crecemento e madurez da vida matrimonial, e non como imposicións heterónomas que han ser cumpridas sen ter en conta a realidade, situación e experiencia das persoas que se descobren vulnerables e fráxiles; neste caso de quen conforma a realidade matrimonial.

Achéganos este capítulo unha visión humanizadora e realista desde a antropoloxía da complementariedade construída desde a experiencia do fracaso e da vulnerabilidade necesitada de ser integrada como elemento da fraxilidade do ser humano. De aí a importancia do discernimento para poder coñecer, descubrir e optar á hora de analizar a situación persoal e tomar decisións en consonancia.

Desde este preámbulo no que se nos propón o marco a través do que se vai desenvolvendo a reflexión do papa, todo o capítulo busca que sexa o acompañamento, e non a condena nin a exclusión, o que marque a proposta de gradualidade que nos presenta Francisco.

Unha gradualidade que non é un termo novo nun texto do maxisterio (Xoán Paulo II xa utilizara este mesmo termo no número 24 da Familiaris consortio), pero retómase nesta exhortación nunha perspectiva nova: a fraxilidade; é dicir, as dificultades que van xurdindo no camiño da vida matrimonial para orientarse ou mesmo dirixirse ao ideal proposto.

A gradualidade –proceso– da que se nos fala aquí non busca a perfección, senón que, neste contexto de fraxilidade, vese necesitada da misericordia como man que se abre e tende a acoller para poder continuar camiño, non para ser expulsado del.

Precísase dunha pedagoxía do discernimento desde a que ir comprendendo, integrando e axudando a “encontrar a súa propia maneira de participar na comunidade eclesial” (297).

Non é, xa que logo, como moi ben di o papa, a lóxica da condena senón a do evanxeo a que se ha propoñer e poñer en práctica nestas situacións de dificultade, fraxilidade, e mesmo ruptura polas que tan a miúdo pasan hoxe os matrimonios.

Como ben recalca, cada situación é diferente, e cada resposta ha ser tamén diferente e respondendo á realidade concreta. Isto evita reducir a moral do matrimonio a propoñer un ideal abstracto, irrealizable e universal, sen ter en conta as circunstancias, situacións, necesidades ou vivencias en cada experiencia concreta. A resposta da Igrexa non pode ser a dunha disciplina que se aplica segundo un determinado manual (cfr.298-299) .

A formación da conciencia para saber discernir de maneira adulta e honesta, e sen caer no relativismo que todo o xustifica, é a raíz desde a que abordar a necesaria reflexión en todos estes contextos. A un sufrimento non se lle ha engadir un novo sufrimento por mor dun simple limitarse á aplicar o que di a norma.

Desde estes previos que vimos comentando dinos o texto a importancia do binomio discernimento pastoral – pastoral de situacións concretas, para así poder descubrir que a responsabilidade, sendo sempre persoal, non é igual en todos os casos (300).

Chama a atención como o papa sitúa a cuestión na responsabilidade e na necesidade de que sexan os esposos quen busquen facer este camiño de reflexión e discernimento, para poder eles, e non outras persoas, tomar a decisión que consideren que mellor responde á súa felicidade persoal e familiar.

Correspondéndolle aos curas, “acompañar ás persoas interesadas”, pero sabendo que a decisión corresponde ás persoas implicadas na situación, porque o seu ha ser un “itinerario de acompañamento”.

Un gran paso adiante, que supera a lóxica dunha moral puramente normativa, onde eran outras persoas as que tomaban as decisións polos esposos; un paso que non se estanca na redución deste comportamento ao pecado mortal ( 300-301).

Neste capítulo propón Francisco, o camiño da “vía caritatis” ( cfr.306 e a nota 351, que tantas perspectivas de novidade nos abre), tan importante na historia do acompañamento na Igrexa, e esquecida na praxe actual por mor dos maximalismos iusnaturalistas, que poñen a inmutabilidade e universalidade por riba da persoa, esquecendo, como non deixa de afirmar o maxisterio de Francisco, que a realidade é superior á idea, e mesmo o tempo é superior ao espazo.

Isto lévao a rematar o capítulo insistindo na lóxica de misericordia pastoral, á vez que lle lembra aos teólogos moralistas que outra reflexión moral é posible á luz de canto vén expondo na exhortación.

Nunca teremos dado as grazas suficientes a Francisco por este fermoso agasallo que nos ten ofrecido neste oitavo capítulo da exhortación posinodal.

Longa vida ao papa Francisco!

Clodomiro Ogando.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.