Da marafunda á amizade social
“Ruído, confusión ou desorde grande producido pola xente ao falar e gritar”
Real Academia Galega
Abrimos desta volta o blogue coa definición que nos ofrece o dicionario da Real Academia Galega da palabra marafunda.
E quixemos facelo así porque é esta palabra a que mellor pode definir o que está a correr neste momento na realidade social española.
Si, son tempos de marafunda, tempos de moitos berros e pouca escoita, tempo de confusión e ningunha clarificación, tempos de excesivo ruído sen mareiriña silenciosa e reflexiva.
Esta realidade tan alporizada e desacougante estanos a levar a que nos movamos nun contexto social de enfrontamento, polarización e confrontación permanente no que a cidadanía ímonos vendo atrapados e atrapadas sen, moitas veces chegar a comprender o por que desta situación.
Situación que ademais vai creando calvo de cultivo para as mensaxes interesadas, as medias verdades ou a mentira. Non chegando a comprender como quen así actúa, en todo o abano de opcións políticas, queren presentarse como representantes da vontade popular e da xestión do público.
O esperanzado amencer que parecía alborexar alá polo anos dous mil once con todo aquel movemento cidadán de protesta contra un sistema político e social viciado polas ansias da partitocracia corrupta que, a modo dos tentáculos dun cefalópodo, fora abranguendo tódolos espazos posibles da sociedade para controlalos, dirixilos e manipulalos en favor do partido, de uns e máis outros, ou da clase social que ao abeiro deles se foi creando: a casta, como se lle alcumou.
Aquela esperanza que se abría foi, co paso dos anos e a chegada aos ámbitos de decisión na xestión do público, esmorecendo ata converterse nun “déjà vu” no que se repetían comportamentos e actitudes para os que a “nova política” dicía chegara para erradicalas.
Quen chegaba para rexenerar e crear espazos novos de participación democrática sen imposicións nin controis partidarios interesados, non só non foron quen de rexenerar, renovar, transformar e cambiar, senón que, co paso do tempo, adoptaron as mesmas actitudes, comportamentos e nepotismos partidarios dos que xa, a cidadanía, tiñamos amplos exemplos.
A democracia: goberno, xestión e participación do pobo – cidadanía – e anceio que todas e todos temos de que sexa recoñecemento, escoita e protagonismo da vontade popular, volve converterse en desafección popular para seguir sendo un mundo pechado, exclusivo e afastado da realidade da maioría das persoas, cidadáns e cidadás, que só buscan un poder vivir con maior dignidade, en igualdade e recoñecemento.
Querendo ser sociedade secular, poliédrica, aberta a tódalas culturas, credos, razas e maneiras de sentir e capaz de recoñecer os dereitos e deberes de todas e todos, de maiorías e minorías.
A democracia é a aposta, real e nobre, de poder convivir en harmonía e sen trincheiras en permanente guerra de confrontación. É a arte de integrar en igualdade desde a participación e o compromiso na busca do ben común.
Nesta realidade social que nos toca vivir a todas e todos nós, precisamos de criterios que fagan posible a harmonía ética de quen sabe que non todo vale nin que ha ser a lei do máis forte a que sa debe impor.
Precisamos recuperar unha convivencia respectuosa na que poder expresar as diferenzas sen que iso supoña nin rexeitamento nin violencia; precisamos recuperar o recoñecemento da outra persoas como igual, sen que iso supoña ter que renunciar ao cada un e cada unha de nós pensa, vive, sente ou propón; precisamos construír , créndonos que é posible, unha ética social que se asente sobre a dignidade compartida e a busca dun ben común que arroupe nas diferenzas e poña en practica a tolerancia nas diferenzas.
Nun escenario así, xa non valen as éticas nin as morais de máximos que durante tanto tempo foron primando nas nosas sociedades occidentais. E xa non valen porque os máximos xa non son compartidos globalmente e tampouco se poden impoñer nesa globalidade. É preciso construír desde os mínimos compartidos que fan posible recoñecer á outra persoa coma igual en dignidade e respecto, pero diferente na concreción desa diversidade nas súas opcións de vida.; xa non valen tampouco as antropoloxías asentadas sobre principios transcendentes nos que Deus é sentido, referencia, comezo e punto de unión e encontro aberto á transcendencia. Necesitamos desenvolver vínculos que poñan no centro das decisións, persoais e sociais, á persoa , toda a persoa na súa integralidade.
A fraternidade (irmáns e irmás no Fillo), categoría que a antropoloxía cristián propón como eixe desde o que harmonizar e construír a convivencia nas sociedades amplas e diversas, xa non é categoría válida que poida ser admitida, acollida e recoñecida por todas e todos.
¿Que nos queda entón?
¿É un imposible construír sociedades nas que se respecte a diversidade e as diferenzas?
¿Estamos abocados á confrontación permanente?
¿Temos que vivir nunha crispación que distingue entre bos e malos, segundo sexan dos nosos ou non, sen ser capaces de admitir nada do que quen pensa distinto a nós propón ou ofrece?
O papa Francisco, na súa encíclica “Fratelli tutti” ( 4 de outubro de 2020) consciente desta realidade social na que nos movemos, propón a “amizade social” como categoría desde a que buscar construír sen rexeitar nin excluír; englobar sen esparexer nin illar, abranguendo a tódalas persoas máis alá de sensibilidades, conviccións, ideoloxías, credos, falas, culturas ou éticas
Amizade Social
Un concepto sobre o que temos que seguir afincando a construción dun pensamento amplo e non excluínte.
Unha categoría que faga posible non perder a capacidade de cuestionar e cuestionarse, fuxindo das doadas zonas de conforto ideolóxicas, e esforzándose na busca permanente do entendemento e a superación da teoría dos contrarios sempre contrapostos.
Achéganos Francisco esta nova categoría respecto da que teremos que seguir reflexionando polo que aporta de suxestión a un mundo excesivamente confrontado e polarizado, no que xa o relixioso, e moito máis o relixioso católico, xa non é sinal de identidade social nin de integración comunitaria.
A “ amizade social”, incorpora e introdúcenos nun novo ámbito de reflexión desde o que recoñecer á outra persoa como igual, e tendo a mesma tarefa ca min, busca que convivamos tentando sentírmonos a gusto co que como somos e co que facemos.
Un facer que nos esixe chegar a acordos capaces de construír harmonía social, respectuosa coa Casa común e canto nela hai.
Propiciar camiños de entendemento desde esta “amizade social” fará posible que sexamos quen de cambiar a deriva destrutiva que nos está a levar a un mundo polarizado, conflitivo e con ansias predadoras, só guiado polos intereses do ter e gañar, para tentar camiñar pola xeira do verdadeiramente importante: os vieiros do ser que recoñece a outra persoa coma un alguén co que podo facer camiño compartido na busca de canto fai posible que cohabitar o mesmo espazo sen ansias de dominio nin control.
Os crentes seguindo as pegadas da fraternidade recibida do Deus de Xesús e do seu proxecto de amor, estamos chamados a desenvolver un importante labor para que o mundo deixe de ser un cuadrilátero no que os contendentes só miran “noquear” ao contrario.
E a “amizade social” pode ser a mellor das compañeiras nesta ilusionante viaxe.
Clodomiro Ogando Durán