“Citius, altius, fortius… conmuniter”
“Citius, altius, fortius… conmuniter”

“Citius, altius, fortius… conmuniter”

“Citius, altius, fortius… conmuniter” Un lema olímpico para a vida

Cando dabamos a benvida á encíclica Fratelli tutti do papa Francisco, alá polo 3 de outubro do ano 2020, albiscabamos xa que era un texto dunha gran profundidade teolóxica e de grande amplitude moral.

Un texto con moitas concrecións na realidade do noso mundo actual. Mais do que quizais non imaxinabamos era que unha destas concrecións había ter que ver co deporte, e máis concretamente co olimpismo e as olimpíadas.

Xunto ao xa clásico “citius, altius, fortius” -máis rápido, máis alto, máis forte- creado polo frade dominico francés Henri Didón, amigo de fraternidade e pioneiro no compromiso do olimpismo xunto co barón Pierre de Coubertin, fundador do olimpismo moderno, engádese nesta olimpíada de Tokio 2020 (adiada no seu momento por mor da pandemia), como corolario final á tríade do olimpismo, o adverbio latino conmuniter (comunmente) a proposta da Santa Sé.

Con él quérese poñer de manifesto que todo canto esta detrás do espírito de participación, colaboración e solidariedade do deporte ten como cumio a fraternidade do compartir un ideal centrado na persoa, desde a persoa e para a persoa.

Unha fraternidade que non é unha póla entre outra das moitas que conforman o mundo e as opcións e vidas que nese mundo facemos as persoas, senón a raíz desde a que vai agromando a árbore da vida xunto co froito de todo canto as persoas van enchendo a súa e as demais vidas.

Esta decisión de querer poñer a Fratelli tutti na lenda principal do movemento olímpico pon claramente de manifesto o acertado do agasallo que Francisco lle fai ao mundo ao escribir a encíclica.

Máis alá dos conflitos, a riqueza, as cores da pel, as opcións relixiosas, as linguas ou as ideoloxías das deportistas e dos deportistas que conforman a grande familia olímpica, está a irmandade que fai posible a unión dunha mocidade que loita, traballa, se esforza, se compromete, se esixe a si mesma a través do esforzo persoal e colectivo por acadar un obxectivo: estar na olimpíada e poder competir.

Un fermoso ideal nun mundo marcado polo interese económico, político e de poder.

Citius, altius, fortius - Fraternidade

Mozas e mozos no mellor momento das súas vidas fan do esforzo guieiro na busca de acadar a gran coroa da fraternidade compartida nas probas olímpicas e ofrecida a toda a humanidade como exemplo para que o mundo a poida contemplar do 23 de xullo ao 8 de agosto.

Reivindican que outro mundo é posible; que hai outra maneira de achegarnos e relacionarnos as persoas desde o competir, na busca do ideal do conmuniter, que une e recoñece ás outras persoas como iguais; fronte ao individualiter (individualmente) que esgaza, destrúe, separa e mesmo fere a relación de igualdade á que sempre nos chama a fraternidade.

A fraternidade olímpica lémbranos nos días de competición, sen que debamos esquecelo ao longo dos catro anos de duración do ciclo olímpico, e a través da imaxe do deporte, que é posible, se queremos, deixar a un lado as cobizas, envexas e enfrontamentos que teñen como obxectivo a desaparición de quen é igual por compartir unha mesma dignidade e o merecemento do mesmo respecto, por riba da pluralidade e as diferenzas.

A competencia, estímulo para mellorar, esixe saber recoñecer a quen se ten ao lado coma rival, non coma inimiga ou inimigo.
Así a vitoria convértese en recoñecemento e respecto cara a quen ten gañado, o que non supón a humillación das demais persoas competidoras.

Que gran referente para a vida! Mágoa que non lle presentemos a atención que merece. Competir e participar, inda que só tres persoas serán as que recollan a súa coroa de loureiro, sen que iso supoña esquecer o esforzo dos rivais.

Neste conmuniter que apela á fraternidade de dignidade igualitaria e que nos propón Tokio 2020 é necesario facer visible, polo que supón de foco de atención mundial durante os días de competición, a participación da equipa de atletismo formado por persoas refuxiadas.

Vinte e nove deportistas de once países que desfilarán sobre a pista de atletismo do estadio olímpico de Tokio en segundo lugar na cerimonia da xornada inaugural -tras a delegación grega-, e que entrarán nas nosas vidas a través dos medios tecnolóxicos polos que recibiremos o sinal do que alí está a acontecer.

Esa entrada nas nosas vidas non é para ser unha simple imaxe, senón para apelar ás nosas conciencias de xeito que recoñezamos que, a pesares dos agoiros do mundo apocalíptico, as persoas, todas, somos iguais e irmás. E ningunha persoa é merecedora de ser excluída, expulsada ou perseguida polo que pensa, sente ou cre.

Toda unha referencia de denuncia profética a un mundo que só pon os seus ollos nas olimpíadas para falar de marcas e gañadores, esquecendo que o ideal olímpico é unha invitación a unir, colaborar, participar e recoñecer a quen temos ao lado como o que é: irmá e irmán por riba de riquezas, culturas, poder ou cartos.

Fagamos o posible para que o conmuniter pase de ser un termo que se une á tríade olímpica a unha opción de vida!.

Nas nosas mans está.

 

                                                            Clodomiro Ogando

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.