A desacralización da igrexa VI – Un novo sol sobrancea
A desacralización da igrexa VI – Un novo sol sobrancea

A desacralización da igrexa VI – Un novo sol sobrancea

UN NOVO SOL SOBRANCEA

 

Logo dun tempo sen achegarme ao blog de “Decálogos de franciscanías”, retomo a tarefa de seguir achegando unha mirada reflexiva sobre a Igrexa a partires do Concilio Vaticano II.

A última das entradas deixarámola na achega sobre o papado de Bieito XVI, o cardeal Joseph Alois Ratzinger, quen ata a súa elección como papa viñera desenvolvendo o seu labor en Roma como Prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe –actual Dicasterio para a Doutrina da Fe– ao longo do pontificado de Xoán Paulo II.

Bieito XVI, como xa afirmaramos na anterior entrada, presenta a súa renuncia como papa da Igrexa Católica o 11 de febreiro do ano 2013. Un feito nada usual na Igrexa Católica e que causou non pouco rebumbio[1].

Logo da renuncia do papa ponse en marcha todo o proceso de elección do seu sucesor. O conclave comezou na tardiña do día 12 de marzo e, na quinta votación, o día 13, tamén á tardiña, foi eliixido novo papa o cardeal de Bos Aires, Jorge Mario Bergoglio, que se renomeou como Francisco, pola súa especial cadencia para co “Poverello” de Asise.

Xa desde a súa primeira aparición na balconada da fronte da basílica de San Pedro, viuse que algo novo estaba a comezar. O seu xeito de aparecer sen os “arreos” papais e mesmo a petición ás persoas presentes naquela hora na praza romana de que tamén o bendicisen a el, auguraba que ía ser un pontificado creativo, novidoso e pouco ao uso. Os anos que seguiron así o foron poñendo de manifesto. Un “novo sol comezaba a sobrancear”.

Os comezos, en xestos e sinais, ían poñendo de manifesto no pontificado iniciado logo da misa de proclamación o 19 de marzo, un novo estilo e unha nova linguaxe.

Nunha institución con fama de utilizar unha linguaxe alambicada. Especialmente significativa foi a viaxe á illa de Lampedusa (Italia), en xullo de 2013 organizada con pouca antelación para denunciar que o Mediterráneo se estaba a converter nun cemiterio de homes e mulleres migrantes que buscaban un futuro mellor para eles e os seus.

A indiferenza de políticos e cidadanía facía que xa se volvese habitual escoitar, e mesmo ver imaxes, de moitas daquelas persoas que saíran dos seus países e acababan perdendo a vida no Mediterráneo.

Francisco denuncia tamén o engano das persoas migrantes por parte das mafias que, sen escrúpulo, traficaban con persoas humanas levándoas moitas veces á morte; e cando non a facelos chegar ás costas dos países do Mediterráneo onde chegaba cansos, escuálidos e coa decepción de que aquilo que se lles prometera non era tal.

migrantes llegando a la costa

Esta viaxe marcou un horizonte do que ía ser o pontificado de Francisco, alcumando, a partires de aí, as súas viaxes como as das periferias, físicas e existenciais.

No mesmo mes de xullo viaxa a Río de Janeiro para participar na Xornada Mundial da Xuventude. Alí invitou á mocidade a non ter medo a facer “lío”, a deixarse escoitar, a denunciar, a non calar nun mundo e nunha Igrexa durmidos, no que a inxustiza e a utilización das persoas, polo abuso dunha visión neoliberal, convérteas en medios para obter, á súa conta, non poucos beneficios.

Comezaba entón un novo tempo para a Igrexa e para o papado, nuns tempos nos que unha e outro víanse faltos de credibilidade por mor dos casos, cada día máis numerosos, de pederastia na Igrexa, en toda a Igrexa universal.

A súa parresía (audacia e verdade) e a súa capacidade de comunicar desde a sinceridade e a procura de transparencia, sen facer do silencio defensa da institución, abriron un novo tempo de credibilidade e recoñecemento moral para o mundo nunha Igrexa que día a día ía sufrindo o abandono de xentes de tódalas xeracións.

Un sinal de cambio neste comezo do papado franciscano ocorreu o 24 de novembro daquel ano 2013, ao ver a luz a súa primeira exhortación apostólica, a Evangelii Gaudium[2], un documento que xa no seu título albiscaba unha realidade nova na Igrexa universal: recuperar a ledicia do Evanxeo nun momento no que a tristura, o desencanto e a desconfianza cubrían a realidade eclesial.

O texto abría un novo tempo renovador, creativo e alentador para as persoas que conforman as comunidades cristiás, para Igrexa. Todas non. Tamén, e debemos dicilo, este estilo pareceu non gustar aos grupos máis conservadores e nostálxicos doutros tempos eclesiais anteriores ao Concilio Vaticano II.

Sendo o seu primeiro texto maxistral, sempre foi entendido como o documento programático deste pontificado franciscano, ledo e esperanzador. Un documento no que Francisco presenta as que quería que fosen as liñas fundamentais do seu pontificado.

Unhas liñas guiadas pola virtude da misericordia, presente desde o primeiro momento do seu pontificado, cando no seu primeiro Ánxelus (17 de marzo de 2013), manifestou que o Deus perdoador, chama a os seus fillos e fillas a ser tamén perdoadores.

Misericordia continuada ao longo dos seguintes doce anos do seu pontificado, converténdose así no eixo de todo o seu maxisterio, dos seus xestos e do seu testemuño.

Neste primeiro documento presenta os que acabaran sendo os catro eixes sobre os que fará xirar a proposta da Igrexa tanto cara dentro como no seu diálogo co mundo e as súas xentes. Os chamados principios (tensións) polares:

  • O tempo é superior ao espazo,
  • A realidade é máis importante que a idea,
  • A unidade prevalece sobre o conflito.
  • O todo é superior á parte [3][i]

Supoñen sempre iniciar procesos sen medo a dalos ou non rematados, sempre desde outra das categorías esenciais da súa pedagoxía: o discernimento, e primando a chamada pedagoxía da “teoloxía indutiva”. Todo un cambio diante dunha visión e fundamentación teolóxica moito máis dedutiva e abstracta e moi de salón.

Deste xeito a importancia do tempo, da realidade, a unidade e a visión global fronte ao individualismo illante, acabarán abrindo un alborexar novidoso, renovador e estimulante, asentadas no ben común e a amizade social, para unha Igrexa católica precisada de aires novos. A nova primavera acababa de comezar.

(continuará)

 

 

                                                       Clodomiro Ogando Durán

 

[1] As anteriores renuncias dun papa ocorreran nos anos 97 (Clemente I); 235 (Ponciano); 537 (Silverio); 1045 (Bieito IX); 1046 (Gregorio VI); 1294 (Celestino V); 1415 (Gregorio XII)
[2]É verdade que Francisco publicara a encíclica Lumen Fidei o 5 de xullo; pero non é menos verdade que este texto deixárao practicamente preparado para a súa publicación o papa Bieito XVI quen, con el, pretendía completar a súa triloxía de encíclicas sobre as virtudes teologais: Caritas in Veritate, Spes Salvi, e esta, Lumen Fidei que, paradoxos da vida, acaba asinando o seu sucesor.
[3] É preciso destacar que a referencia a estes catro principios pon de manifesto o influxo que na súa reflexión teñen ocupado, como fontes principais das que bebe Francisco no que concirne ao tema específico dos principios ou polaridades, a obra do filósofo francés Gaston Fessard e do teólogo e filósofo alemán Romano Guardini, xunto co tamén teólogo Henri De Lubac e o filósofo Maurice Blondel.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.