Unha Igrexa para todos, todos, todos. Sen exclusión
Unha Igrexa para todos, todos, todos. Sen exclusión

Unha Igrexa para todos, todos, todos. Sen exclusión

“Unha Igrexa para todos, todos, todos. Sen exclusión”

O pasado mes de agosto celebrouse en Lisboa a Xornada Mundial da Xuventude (X.M.X.). Segundo nos van contando cronistas e testemuñas que alí estiveron, foron uns días de encontro, ledicia e celebración que, para non poucos analistas, representaron unha mostra por parte da Igrexa de que aínda ten músculo suficiente e amplo na súa relación, en reciprocidade, coa mocidade, tamén a europea.

Participantes e xornalistas relatan todo canto se ten vivido naquelas xornadas lisboetas; pero nada disto podería ter sido como foi se non poñemos o acento e a mirada nunha persoa que, a pesares dos seus problemas de saúde e da súa idade, foi motor capaz de chegar ao corazón de moitas, se cadra de todas, aquelas persoas mozas que se achegaron ata a capital portuguesa nun número aproximado de millón e medio, se tomamos como certas as cifras ofrecidas pola Organización e os medios de comunicación.

https://www.lisboa2023.org

Na vertixe de todo canto naqueles días se viviu en Portugal, resaltan moi, pero moi especialmente as palabras que o Papa Francisco pronunciou na tarde do sábado cinco de agosto, en Leiría, na visita realizada á Virxe de Fátima na súa basílica. Unhas palabras que rapidamente chegaron dun cabo ao outro do mundo a través dos vídeos enviados polas redes sociais e nas que Francisco afirmaba:

“A Igrexa non ten portas, para que todos poidan entrar. E podemos insistir en que todos poden entrar. Porque esta é a casa da nai, e unha nai sempre ten o corazón aberto para todos os seus fillos. Todos, todos, todos. Sen exclusión”.

Papa Francisco – En Leiria

Se lemos con tranquilidade estas palabras, sen a presión das présas nas que nos movemos cada día; e logo de lelas reflexionamos sobre elas, poderemos descubrir non só unha liña de continuidade no maxisterio de Francisco, senón tamén unha visión eclesiolóxica en continuidade coa Igrexa de comuñón e participativa (hoxe diriamos sinodal), que tan ben define e fundamenta teoloxicamente a constitución conciliar Lumen Gentium do Concilio Vaticano II.

Unha visión na que calquera intento de marcar diferenzas por mor de cargos, prebendas, honores ou poder, acaba estando nas antípodas do que o Papa lle propón ás persoas participantes, e tamén ao mundo, respecto desa Igrexa de acollida; Igrexa hospital de campaña; Igrexa promotora de cultura de encontro e diálogo, dentro e fóra dela.

A forza e a énfase que pon na reiteración do “todos, todos, todos. Sen exclusión” abrangue e enche de amplitude aquela invitación do Papa Xoán XXIII no comezo das sesións conciliares a abrir as fiestras da Igrexa para que nela entrase aire renovador que impedise que o po e a couza a fosen anquilosando e destruíndo aos poucos.

É verdade que tamén, coa mesma velocidade coa que estas palabras saíron ao mundo, os agoiros da profecía das calamidades, como lles chamaba o Papa Xoán XXIII, comezaron a cuestionar eses todos e para todos e todas, como se eles fosen os gardiáns da ortodoxia e Deus e máis a Igrexa xirasen única e exclusivamente ao redor do son que eles interpretasen.

Agoiros que resaltaban a imposibilidade dos todos e para todos, porque os pecadores -para eles unha enchente-, situábanse fóra desa proposta e tamén porque certos comportamentos ou modos de sentir daquelas persoas que se consideran crentes e seguidoras de Xesús estaban fóra das lindes do dogmatismo por eles marcado.

Esquecen que a Xesús, “traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba.” (Mt 4, 25), sen facer nin diferenzas nin disquisicións abstractas que non teñen en conta ás persoas e só pensan na súa ortodoxia e na súa fidelidade. Diferenzas e disquisicións marcadas, dirixidas e elaboradas por eles; os únicos puros e con capacidade de decidir quen está dentro ou fóra da Igrexa. Un triste esquecemento do piar fundamental desde o que sustentar a fe: o Evanxeo, sempre Boa Nova de acollida e humanidade.

Quedan tamén lonxe desta mentalidade fiscalizadora e aduaneira, en palabras do Papa Francisco, as palabras de Xesús cando, contrapoñendo o actuar dos fariseos, que tamén se crían únicos e mellores, dilles que o Deus, de quen El non fai máis que cumprir coa misión encomendada,

  • “Fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos… Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.” (Mt 5, 45.48), sen preocuparse de formalidades ou disquisicións filosóficas.

Non é doado para Francisco contrapoñer o Evanxeo a estas actitudes que tanto barullo fan nas redes e que non deixan de desacreditalo constantemente coa maior das acusacións. Porén, o Papa sabe, como adoita dicir permanentemente, que a vida son procesos nos que hai que ir camiñando paseniñamente, sen prestar atención aos chismes nin aos retrousos que o único que pretenden e buscan é poñer o foco neles para sentirse importantes e desacreditar a quen non pensa coma eles.

Esquecen que o cimento do todo é o Deus de Xesús, que no seu Fillo nos ofrece un proxecto de salvación que pasa por asumir o mundo como casa do todos e todas e onde ningunha persoa ha ser discriminada e excluída polo xénero, polo que sente, pola súa maneira de expresar e vivir a fe ou polo modo no que é capaz de descubrir a presenza de Deus nesta casa común baixo a que todas as persoas -fillas de Deus non o esquezamos-, nos sentimos acubilladas. O non excluír é, xa que logo, un eixe esencial e central do ser cristián e cristiá no medio do mundo

Calquera actitude que supoña exclusión, diferenza, invisibilidade, humillación ou desprezo de quen non se rexe polos “estándares” ao uso suporá sempre marcar diferencias co cerne do proxecto de vida que dá sentido ao ser persoas crentes no medio do mundo.

As palabras de Xesús cando di “Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? “(Mt 7 ,1-3) non poden máis que marcar o camiño a percorrer, dando razón da nosa esperanza, no medio do noso mundo.

Con que razón, ou quen somos, para erixirnos en xulgadores sentenciadores de quen pensamos que é peor e moito máis malo ca nós? Canto lixo non teriamos que limpar se miraramos un pouco máis para nós, e sinalaramos moito menos aos demais?

Esforcémonos entón por seguir os pasos do mestre e deixemos que sexa o seu estilo no facer o que nos leve a cargar coas doenzas e enfermidades de tantas persoas que precisan ser escoitadas, acompañadas e acollidas.(Mt 8,17). Fagámolo sen crernos nin mellores nin exclusivos. Esforcémonos por saír das nosas zonas de conforto para evitar amar só aos que nos aman e axudar só aos que nos saúdan (Mt 5, 46-47)

Volver ao Evanxeo ten que ser tarefa principal e fornecedora do que son as conviccións que moven a nosa vida e as nosas decisións. Estamos chamados e chamadas a facelo desde a empatía salvadora do Deus que non distingue, pero que si sementa pegadas de achegamento e igualdade. O Deus para quen ninguén é invisible e que ofrece, por amor, un proxecto de facer do mundo familia desde a diferenza, pero compartindo esperanza.

O todos, todos, todos que tan forte e alto pronunciou Francisco ante a imaxe da Nosa Señora de Fátima, xa tivera un preludio nas palabras que el mesmo dixo na cerimonia de acollida das persoas participantes nas xornadas lisboetas:

«Na Igrexa ninguén sobra. Ninguén está de máis. Hai espazo para todos. Así como somos. Todos.

E iso Xesús dio claramente. Cando manda aos apóstolos chamar para o banquete dese señor que o tiña preparado, di: «Ide e traede a todos», mozos e vellos, sans, enfermos, xustos e pecadores. ¡Todos, todos, todos! Na Igrexa hai sitio para todos. «Padre, pero eu son un desgraciado, son unha desgraciada, hai sitio para min?». ¡Hai sitio para todos! Todos xuntos, cada un, na súa lingua repita comigo: Todos, todos, todos.» (Lisboa, XMX, Cerimonia de Acollida).

Só cun compromiso serio, real, sincero e auténtico na práctica desta acollida se poderá responder ao que para Xesús foi a clave fundamental no xeito de tratar e achegarse ás persoas. Sen prexuízos desde unha actitude de respecto e seriedade. Sen folclorismos nin falsas estereotipos pseudoespirituais que só esconden tras de si o intento de superioridade sobre quen non sente, reza, fala, ama, traballa e vive coma eles. Francisco non fai nada máis que traer á realidade de hoxe as palabras que Xesús pronunciou, denunciando calquera comportamento de supremacismo relixioso amparado no poder relixioso, clerical ou proselitista.

“¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades ós homes o Reino dos Ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar ós que o intentan.¡Ai de vós, letrados e fariseos, hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito; e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición dúas veces máis ca vós!“ (Mt 23, 13-15)

Traballemos entón, como tamén manifestou Francisco en Lisboa por “substituír os medos polos soños, para non ser administradores de medos, senón emprendedores de soños”! ( Lisboa, XMX, encontro coa mocidade universitaria)

Clodomiro Ogando Durán

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.