
O trece de marzo do ano 2013 ocorreu un fito que deixou pegada na historia recente da Igrexa.
As persoas que ateigaban a Praza de S. Pedro estaban expectantes e pendentes da “fumatta” que comunicaría se na última votación daquela tarde os cardeais participantes no conclave elixiran, ou non, a un novo papa.
Con sorpresa, observan que desta volta o fumo que saía era “bianco” e esparexíase sobre os tellados vaticanos.
Isto indicaba que xa había un novo papa.
Faltaba aínda un pouco de tempo para que saíse a saudar ás persoas que estaban ao abeiro da columnata de Bernini e ao mundo, desde a balconada da basílica de S. Pedro.
A espera ben pagou a pena.
Quen se asomaba ao balcón non era unha cara das recoñecibles no mundo cardenalicio eclesial. Mesmo se podería dicir que non estaba nas quinielas dos “vaticanólogos”.
Aquela cara non tiña eco de popularidade, como si a tiñan outros cardeais, en principio, papábeis. Xa di o refrán que “quen entra no conclave papa, sae cardeal”.
Desde a balconada da praza de S. Pedro o Camarlengo, Jean-Louis Tauran, anuncia que o elixido era o cardeal arxentino, xesuíta, Jorge Mario Bergoglio, quen adoita o nome de Francisco, en clara chiscada ao santo de Asise (Italia) e ao que ía ser unha das liñas mestras do pontificado que naquel momento comezaba: a opción preferencial polos pobres.
Moi na liña da Teoloxía do Pobo arxentina que Bergoglio tan ben coñecía, e da Teoloxía da Liberación, ambas nacidas ao abeiro da Gaudium et spes do concilio Vaticano II (Constitución Conciliar que aborda o diálogo da Igrexa co mundo) e da II Conferencia do CELAM (Consello Episcopal Latinoamericano) celebrada na cidade de Medellín (Colombia) en 1968.
Foron moitas as persoas que sentían certa perplexidade ante a elección acaecida dentro do conclave.
Ao desconcerto pola persoa elixida uniuse a imaxe que o xa “antigo“ cardeal de Bos Aires transmitía: un sorriso aberto e unha mirada profunda e firme posta naquelas persoas que desde a praza parecían non dar creto a canto tiña pasado.
Mais o asombro foi “in crescendo”, ata rozar a apoteose da incredulidade cando o Papa pediu desde a balconada da praza de S. Pedro que fose a xente alí congregada a que primeiro bendicise e rezase!!!! (sic) polo novo papa chegado da “Fin do mundo”, antes de que el, o novo Bispo de Roma, o papa, os bendicise a elas e a eles.
Aparentemente aqueles pequenos xestos non significaban ningún cambio profundo no eido da Teoloxía Dogmática, da Teoloxía Pastoral ou do Dereito Canónico; pero si eran unha verdadeira suxestión de que quizais algo podería comezar a cambiar ao interno dunha institución tan pouco dada aos cambios, e moito menos se estes son radicais, como é a Igrexa Católica.
Inda que podía intuírse que, mesmo paseniñamente, aqueles xestos aparentemente insignificantes eran o comezo do que logo iría chegando:
Un novo estilo de goberno, de presenza e diálogo coas institucións do mundo.
Nun momento especialmente difícil para a Igrexa (lastrada, entre outros, polos escándalos de pederastia e corrupción); nun momento de desconcerto e cambio de paradigma nun mundo precisado de líderes que abandonen posturas de enfrontamento e tensións e ávido de xestos, por pequenos que estes sexan, que poñan de manifesto que as persoas, e a súa dignidade, con nome concreto e con non poucas dificultades no seu vivir cotián, son importantes; a elección dun cardeal provinte da parte mundo máis empobrecida busca ser un revulsivo que rompa coa rixidez dunha institución que mira moito ao pasado, que desconfía non pouco do presente, e que só é capaz de falar de futuro en categorías de formalismo académico teolóxico.
Cercanía e familiaridade mostrábanse naquel home, xa maior, e primeiro papa formado na Teoloxía do Concilio Vaticano II (foi ordenado cura en 1969).
Aquela tarde noite presentouse ante a cidadanía de Roma e do mundo (urbi et orbi) cun coloquial saúdo: “fratelli e sorelle, buona sera” (irmáns e irmás, boa tarde), deixando xa albiscar petiscos dunha linguaxe nova, creativa e pouco formal ao dicir sen abstractos tecnicismos teolóxicos “comezamos un camiño conxunto: bispo e pobo”.
A partires deste momento, as ás do Espírito Santo, comezan a latexar con forza aires de renovación e cambio dentro da Igrexa.
Escrito por Clodomiro Ogando