A modo de conclusión: Unha sexualidade boa e ao servizo da humanización da persoa
Nas entradas anteriores deste blog fomos presentando cal é a proposta que desde a Teoloxía Moral católica fai a Igrexa sobre a sexualidade.
E algo ía quedando claro a medida que iamos avanzando na presentación da proposta: falar de sexualidade é falar dunha das dimensións que conforman a realidade de persoa, de toda a persoa. Non é identificable nin sexo nin só coa xenitalidade. Abrangue toda a realidade da persoa, sendo un elemento fundamental de integración e madurez.
A importancia da afirmación anterior radica en que, contra o que habitualmente se afirma, a reflexión sobre a sexualidade non é unha cuestión que se reduce e concreta , única e exclusivamente, no ámbito biolóxico- corporal. Desgraciadamente, coma un simple retrouso, esta é a visión que moitas veces se lle ten achacado á Igrexa. Cando, a pouco que afondemos nos textos da biblia, ben comprendidos e hermenéuticamente ben analizados, e da tradición – que non tradicionalismo – esta non foi máis que unha obxectivación propia dun determinado momento histórico no que o platonismo, co seu desprezo do corpo, e chegado da man de Santo Agostiño, foi influíndo na teoloxía católica.
A medida que a ciencia foi abrindo camiños, e ela mesma foi avanzando no coñecemento e comprensión da sexualidade, tamén así o foi facendo a reflexión moral católica, superando un iusnaturalismo bioloxicista e asentado na inmutabilidade “ eterna” das cousas. Pero será o concilio Vaticano II, en concreto a constitución Gaudium et spes, o punto de inflexión no que acaben confluíndo reflexión teolóxica e diálogo coas ciencias, na, primeiramente denominada interdisciplinariedade, e hoxe chamada transdisciplinariedade. Coa que que se pon de manifesto que tanto os saberes humanísticos como os saberes máis técnicos, non camiñan dándose as costas, senón que se enriquecendo mutuamente.
O maxisterio da Igrexa, contra o que aínda algúns manteñen, dentro e fóra da Igrexa, tamén ten ido enriquecendo a súa reflexión a profundado a súas afirmacións, coa adquisición de novas linguaxes e novas terminoloxías froito de toda esta tarefa de enriquecemento mutuo e colaboración co traballo dos teólogos moralistas.
Pouco a pouco vanse superando as desconfianzas á vez que se vai deixando atrás a metodoloxía casuístico – xuridicista que tantas controversias tiña xerado, para ir agromando con forza o personalismo como guieiro, filosófico antropolóxico, desde o que se ían propoñendo novos camiños e reflexións.
O concilio supón o inicio dun camiño, custoso e paseniño, que segue a dar froitos na busca dun diálogo desexado e que tanto ten axudado a que as propostas da Teoloxía Moral católica superasen a fenda entre o que desde o maxisterio se propuña e o que homes e mulleres crentes vivían na súa realidade cotián.
Moitos dos textos que logo do concilio foron asinando os diferentes papas, non fan máis que poñelo de manifesto acreditando este profundo cambio tanto a nivel metodolóxico como propositivo.
Presentase entón unha visión e unha formulación en positivo da sexualidade; á vez que se vai poñendo distancia co reducionismo bioloxicista que convertía toda a reflexión católica sobre a sexualidade nunha visión tenebrosa e marcado polo medo á condena, pecaminosa e reducida, toda ela, ao ámbito exclusivo, en interpretación puramente xuridicista, do sexto mandamento.
Claro que . como ocorre con todo cambio, os pasos dados quizais non son o suficientemente grandes como para que todas e todos teñan tomado conciencia deste cambio. Pero é indubidable que o concilio supuxo o comezo dun “ aggiornamento” que hoxe continúa e segue a dar froitos no binomio sexualidade e teoloxía Moral.
Cumio de todo este camiño emprendido fai sesenta anos, é a exhortación Post-sinodal Amoris Laetita asinada polo papa Francisco logo da celebración dos dous sínodos sobre a familia no 2014 e 2015. Onde invita a non deixarse levar polo normativísimo dogmático que relega á persoa a segundo plano e invita a unha hermenéutica creativa na busca da formación dunha conciencia adulta, madura e capaz, froito do discernimento, de tomar decisión e concretar comportamentos tendo en conto todos e cada un dos elementos que sempre conforman unha situación sobre a que é necesario establecer un criterio de actuación non utilitarista senón libre, responsable e personalista.
Unha escolma que invita a ser coñecida
Os criterios desde os que se invita a reflexionar na perspectiva da Teoloxía Moral, van poñendo de manifesto que as persoas han se-lo centro, e polo tanto, temos capacidade de coñecer, reflexionar e decidir sobre como, responsable e libremente e sen tutelas heterónomas, queremos vivir a nosa dimensión sexuada.
O que afasta calquera tentación de converternos en monicreques que simplemente nos limitamos a executar o que outras persoas, habitualmente arrogándose a capacidade de decidir, no nome da conciencia por nós, consideran.
As pautas que propón o concilio para invítannos a pensar como persoas adultas e capaces ( superando tamén caer na tentación líquido – laxista do todo vale cando da autoxustificación de todo comportamento no nome dunha autonomía mal entendida e aplicada) de descubrir que a sexualidade é humanizadora e está centrada no servizo da persoa ( G.s. 47-52).
Presentando unha proposta integral e valorando a corporeidade como realidade dinámica desde a que vai crecendo e desenvolvéndose unha afectividade sempre aberta a complementarse no encontro coas outras persoas e vivíndoa en e desde situacións diversas. Nas que sobresae o ser alguén diante da tentación do reducionismo cousificado de ser mero obxecto de pracer.

A sexualidade como dimensión
integradora
A sexualidade como dimensión integradora ha estar sempre atenta a non caer nas beiras extremas que sempre están á espreita para deshumanizala: a obxectivación e a suxeitivación.
Ámbolos dous casos non son máis ca un intento de manipular e mediatizar á persoa, negándolle a súa propia liberdade e capacidade de decidir de xeito maduro e responsable. Porque a sexualidade é sempre tarefa persoal, proceso diría o papa Francisco, no que un ter que crecer e irse desenvolvendo.
Documentos posteriores como foron Persoa Humana en 1975, Orientacións sobre o amor humano en 1983, o Catecismo da Igrexa Católica ( que, digámolo claramente, non é palabra de Deus, nin texto que non necesite actualizarse permanentemente e integrar os novos elementos que desde ese diálogo transdisciplinar, do que viñamos falando máis arriba, é necesario desenvolver) en 1993, e a súa versión latina oficial en 1997 ; e mesmo a Amoris laetitia antes citada, asumindo os elementos raíz que propón o concilio Vaticano II non fan máis que afondar e promover, tendo en conta a realidade histórica de cada momento e situación, novas linguaxes e novas reflexións desde as que achegarse ao tema da sexualidade. E sempre sen renunciar aos dous elementos fundamentais a non esquecer nunca ao falar deste tema: é don de Deus e ha de estar ao servizo da maior e mellor humanización de tódalas persoas, nas súas diferentes opcións de vida.