No post anterior falabamos de como a sexualidade segue a ser aínda hoxe un tema tabú para algunhas persoas dentro da Igrexa. Isto esixe que sigamos reflexionando sobre ela, para ir superando malentendidos ou falsas comprensións que non deixan de xurdir cando se aborda este tema.
Tentando buscando ofrecer unha visión o suficientemente ampla e integradora, e insistindo en que ningunha reflexión sobre a sexualidade será realista e madura se non pon á persoa no centro da súa reflexión, achegámonos a ela desde tres textos do maxisterio pontificio nos que, con acentos distintos, se reflexiona sobre o binomio sexualidade e familia.
Así, Humanae vitae, de Paulo VI, no ano 1968; Familiarris consortio, de Xoán Paulo II, no ano 1981 e Amoris laetitia, de Francisco, no ano 2016, vannos mostrando como o maxisterio, partindo dos mesmos principios, non sempre utiliza nin a mesma linguaxe nin chega ás mesmas conclusións respecto do mesmo tema.
Humane Vitae e primeiro disentimento (1968)
Comezamos este percorrido achegándonos a un dos textos do maxisterio que máis repercusión, e tamén rebumbio, ten causado dentro e fóra da Igrexa despois do Concilio Vaticano II.
A encíclica Humanae Vitae, asinada polo papa Paulo VI o 25 de xullo de 1968, centra a súa reflexión na cuestión da paternidade/maternidade responsable e a valoración dos chamados métodos “artificiais” de control da natalidade (HV 14).
Unha cuestión na que o concilio non entrara a fondo, pedíndolle ao papa que constituíse unha comisión para estudar o tema en tódalas súas dimensións e perspectivas.
A dificultade de harmonizar as diferentes posturas dos membros da comisión levou a que esta se dividise en dous grupos que foron traballando por separado para entregar finalmente cada unha delas un documento ao papa.
Destes dous documentos partirá Paulo VI á hora de redactar a encíclica. Isto ponse de manifesto a medida que se le o texto, no que o papa, inda que toma posición polo grupo minoritario e máis conservador, tenta contentar a uns e outros.
Esta toma de postura respecto á ilicitude dos métodos artificiais de control da natalidade supúxolle a Paulo VI un gran desgaste persoal e maxisterial, abríndose unha fenda, que se foi agrandando máis co paso dos anos, entre a palabra do maxisterio e as actitudes e comportamentos dunha gran maioría dos matrimonios crentes. Ademais, non podemos esquecer a decepción de non poucos teólogos moralistas e de máis dunha Conferencia episcopal.
Familiaris consortio. Gradualidade e confrontación cultural (1981)
Este texto, asinado o 22 de novembro de 1981 por Xoán Paulo II, é froito dos traballos do Sínodo de Bispos celebrado no ano 1980 que tiña como tema o estudo da misión da familia cristiá.
Nesta exhortación apostólica percíbese a visión conservadora do papa ao longo de todo o texto.
Un texto que opta por un cambio de metodoloxía respecto ao Concilio Vaticano II, volvendo de novo a un método dedutivo, no que os principios, formulados de xeito xeral e en abstracto, marcan todo o posterior desenvolvemento das cuestións obxecto de estudo.
A claridade coa que se propón esta metodoloxía supón propoñer como eixe central o papel do maxisterio como elemento fundamental, cando non principal, da formación da conciencia., que ha de estar sempre sometida ao ditame do propio maxisterio.
Lonxe quedaba o número 16 da Gaudium et spes na que a autonomía e a capacidade de decisión da persoa eran tamén elementos a considerar na formación e educación da conciencia.
Pero si que ao falar deste documento é necesario que resaltemos o que, segundo a miña consideración, é a súa aportación máis valiosa ao debate sobre ao papel da moral á hora de tomar decisións sobre como actuar.
Deste xeito o número 34, chama a saber diferenciar entre a lei da gradualidade e a gradualidade da lei. E namentres a primeira supón ter en conta a persoa e o seu grado de madurez moral e psicolóxica; a segunda, caendo no relativismo irenista, xustifica calquera tipo de decisión e comportamento en función do simple criterio utilitarista de mínima esixencia moral; adecuando o cumprimento ou non da lei á autoxustificación.
Mágoa que este camiño aquí exposto acabaría sendo moi matizado, case escurecido, na Veritatis splendor (encíclica sobre moral fundamental) do propio Xoán Paulo II.
Amoris laetitia .Volvendo á fonte da auga conciliar (2016)
Froito do traballo de dous Sínodos (extraordinario 2014 e ordinario 2015) convocados por Francisco, o 19 de marzo de 2016 asina o papa esta exhortación postsinodal: Amoris laetitia.
Nela tenta achegarse á realidade da familia desde unha mirada realista, sinxela e humilde. Fundamentalmente humilde, tentando superar a visión de que o maxisterio sábeo todo e ocúpao todo. Faino consciente das dificultades e retos que hoxe a familia lle plantexa á Igrexa e á mesma sociedade.
O mundo de cambios rápidos en tódolos ámbitos esixe unha reflexión e un estudo sosegado, pausado e necesariamente transdisciplinar.
Xa non é posible facer teoloxía, e menos teoloxía moral, de costas ás demais ciencias. Quere Francisco presentar unha achega que axude a comprender e integrar a vida familiar, a concepción da sexualidade e a atención á fraxilidade das relacións familiares.
Se o amor é camiño de ledicia, a familia, ámbito no que ese amor se concreta, non pode ser unha institución de tortura, senón un bálsamo de escoita, acollida e acubillo. De aí a necesidade de saber tender mans, agudizar oídos, frear o exceso de palabras e abrir o corazón a escoitar e acoller.
Se o amor é camiño de ledicia, a familia, ámbito no que ese amor se concreta, non pode ser unha institución de tortura, senón un bálsamo de escoita, acollida e acubillo.
O número 305 ofrece a claridade de facer do discernimento para aplicar as leis morias o camiño que faga posible que a decisión de conciencia, persoal, madura, sosegada e sempre aberta a non pecharse nin no individualismo nin na xustificación relativista, ha responder a facer sentir á persoa que é filla dun Deus que o que quere e busca é que sexa feliz na responsabilidade do seu actuar libre que non renuncia a esixencia do esforzo por construír, para vivilo, o seu camiño moral.
Non corresponde logo aos pastores decidir polos leigos, como se estes vivisen nun permanente estado de minoría de idade.
Porque, “ … un pastor non pode sentirse satisfeito só aplicando leis morais a quen vive en situacións «irregulares», como se fosen pedras que se lanzan sobre a vida das persoas” ( A.L. 305).
É tempo de superar prexuízos sobre a sexualidade, é necesario superar o tabú respecto ao tema, hai que abrir novas sendas polas que poder camiñar desde o necesario discernimento e a madurez da decisión en conciencia.
A Teoloxía Moral necesita novas linguaxes e un maior diálogo coas ciencias para que poida ofrecer unha visión verdadeiramente integral e sen condenas da sexualidade.
Os tempos son chegados, non teñamos medo a un novo aggiornamento!
Clodomiro Ogando Durán