“O seu nome aínda envelena algúns soños”
Ben seguro que o título tráenos referencias cinéfilas pola paráfrase empregada. Pero non, non imos falar hoxe de cine, senón da sexualidade desde a mirada da Teoloxía Moral Católica. E facémolo porque segue a haber persoas na Igrexa ás que o simple feito de nomear a sexualidade fai que todos os seus soños se convertan en veleno.
Porén, se poñemos os nosos ollos na Palabra de Deus, e fundamental, que non unicamente, no dicir e actuar de Xesús, descubrimos que, sen ser a Biblia un libro de Teoloxía Moral, achégase ao tema da sexualidade cunha visión humanizadora, positiva e boa. Non temos máis que facer unha lectura pausada e sen prexuízos do Cantar dos Cantares.
Canto vimos dicindo lévanos a desenvolver a reflexión sobre a sexualidade desde unha perspectiva moi afastada do xuridicismo e do pesimismo antropolóxico que sempre desemboca no pecado.
A corporeidade, mediación desde a que se expresa e vive a sexualidade, é realidade na que se vai desenvolvendo a nosa condición sexuada, e non pode converterse nun ámbito de represión e negación. É unha dimensión, común a todas as persoas, capaz dun sentir persoal e compartido no que ir crecendo e madurando, de xeito que nos vaiamos descubrindo como seres sexuados e abertos á complementariedade.
Na historia da Teoloxía Moral foron dous os paradigmas desde os que esta se foi presentando ao longo da súa reflexión.
O primeiro deles, o paradigma do pecado e, como consecuencia, algo malo e negativo; o que deu lugar a unha visión pesimista e sempre rexeitable; nunha palabra: un atranco para ser felices. Fronte a esta visión segada e tenebrosa, foi xurdindo outro paradigma que nos mostra a sexualidade como dimensión persoal chamada a crecer, madurar e ser vivida en complementariedades enriquecedoras de encontro, comunicación e diálogo. Unha complementariedade que ten como elemento principal o recoñecemento da outra persoa coma unha igual en dignidade e respecto.
Ata o Concilio Vaticano II, e por influxo, cando non dominio do Dereito Canónico sobre a Moral, o xuridicismo casuísta foi o que marcou o desenvolvemento e a pedagoxía desde a que se reflexionou, educou e viviu a sexualidade na Moral Católica.
Isto supuxo un reducionismo ao puramente biolóxico e a unha visión pura e simplemente procreativista: o seu uso só era lícito moralmente se tiña como fin asegurar a especie. Isto trouxo consigo un atomismo non só da concepción da sexualidade, senón tamén da persoa chamada a vivila, sendo a doutrina dos fins do matrimonio o punto central desde a que se presentaba e engadindo, como consecuencia, que só se permitía no ámbito matrimonial, e sempre que estivera ao servizo de asegurar a especie; é dicir: só para ter crianzas. Fóra disto sempre era considerada como pecado. O segundo dos fins sería o amor dos esposos.
Esta visión foi coñecida como a doutrina dos fins do matrimonio e da sexualidade.
Todo canto non se englobara nesta dobre perspectiva era xulgado como negativo, malo, pecaminoso e prohibido
O iusnaturalismo bioloxicista abrangueu todo canto da sexualidade se podía dicir. Prototipo desta proposta no eido do maxisterio papal é a encíclica Casti Connubii de 31 de decembro de 1930 do papa Pío XI. O elemento doutrinal obxectivista e deontolóxico primaba sobre calquera outra consideración. A tan aclamada posteriormente interdisciplinariedade, inda tardaría moitos anos en chegar e integrarse na reflexión da Teoloxía Moral Católica.
O cambio de paradigma sobre a concepción da sexualidade, o matrimonio e a familia non chegará ata a celebración do Concilio Vaticano II (1962-1965), no que conflúen os esforzos realizados durante moitos anos, fundamentalmente desde a segunda metade dos anos trinta, por volver ás fontes; é dicir, á Biblia, elaborando unha Teoloxía Moral moito máis evanxélica, esperanzada e positiva, que rompese co inmobilismo casuísta asentado na lei natural entendida como realidade dada, inmutable e identificada cun concepto de natureza anllado nun momento histórico cultural e nunha linguaxe do pasado, que se propón como universal desde unha perspectiva unicamente bioloxicista.
A Constitución Gaudium et Spes,, que promove o diálogo integral da Igrexa co mundo é a que rompe este esquema iusnaturalista para ofrecernos unha visión da sexualidade nunha perspectiva personalista, integral e desde o diálogo con aquelas disciplinas que fagan relación coa vida das persoas: pedagoxía, psicoloxía, medicina, bioloxía… recoñecendo a sexualidade como unha dimensión dos seres humanos que vai conformando a súa vida e mostrándoa como boa, querida por Deus e común a todas e todos, máis alá do estado de vida elixido ou a maneira de vivila.
Ademais, como as persoas somos todas sexuadas, a nosa tarefa ha ser formarnos de xeito que as decisións respecto a como queremos vivir a sexualidade sexan froito da reflexión, a liberdade e a responsabilidade de quen as toma. Nunha palabra, han ser decisións de/en conciencia (G.S. 16).
Esta visión da sexualidade como algo bo, e tendo as persoas capacidade de discernir en conciencia e asumir as consecuencias da súa decisión, han ser criterios á hora de elixir como e de que maneira a persoa quere vivir a súa sexualidade.
Ninguén desde fóra poderá logo arrogarse a misión, tarefa ou cometido de dirixir, domesticar ou decidir como a persoa ha vivir e desenvolver a súa sexualidade.
O criterio de madurez e autonomía pon o centro á persoa considerada como maior de idade e non sometida á tutela heterónoma de quen toma a decisión por ela.
Só a responsabilidade e a coherencia entre o pensar e vivir han guiar a forma de integrar e conformar a maneira de expresar a sexualidade, que tal e como diciamos, Deus pon en cada un e cada unha de nós, para que a vivamos de maneira integral, madura, libre e favorecedora de todo canto supón que a persoa sexa feliz.
Superemos entón tamén nós, calquera pre-comprensión tenebrosa e xuridicista sobre como pensar e vivir a sexualidade que se afasta da mirada de Xesús. Unha mirada que El centra sempre na persoa e canto a fai mellor e máis feliz, como filla de Deus que é.
Non deixemos que ninguén decida por nós sobre como queremos ser felices, como seres sexuados que somos, nun proxecto que necesita ser pensado desde a clave do primeiro capítulo do libro da Xénese:
“Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo”.
Libro da Xénese
Xa é tempo de irnos despegando de calquera control ideolóxico e dirixista; pero tamén da anomalía de crer que iso supón que todo vale e non ten límites. Os valores sobre os que se asenta a visión cristiá da sexualidade desenvólvense no respecto, a dignidade, a igualdade e a madurez.
Polo tanto, o verdadeiro criterio que debera estar sempre presente é a persoa e a busca do seu ben.
E isto, no noso mundo líquido ao que lle molestan as referencias éticas, non deixa de ser tamén, inda de xeito contrario, unha ideoloxización interesada e manipuladora da sexualidade.
Nin no de antes, no que todo era pecado, nin no de agora onde todo, moitas veces, se reduce a unha simple xustificación dun arrouto apetente e momentáneo.
Nin no de antes, no que todo era pecado, nin no de agora onde todo, moitas veces, se reduce a unha simple xustificación dun arrouto apetente e momentáneo.
Clodomiro Ogando Durán