Ensanchar a tenda
Ensanchar a tenda

Ensanchar a tenda

Ensanchar a tenda

No próximo mes de outubro comezará en Roma a primeira xeira do Sínodo da Sinodalidade convocado por Francisco.

Un Sínodo que por vez primeira acollerá leigos e leigas na aula conciliar con dereito a intervención e a voto. Leigos e leigas, maioritarios na Igrexa, que, inda que de xeito minoritario, coa súa presenza rompen o tabú de crer que o pobo de Deus, coma “Peter Pan“ non pode nin quere crecer, e polo tanto non ten capacidade de decidir, e precisa da “voz, adulta, sabia e formada” de bispos e curas que decidirán, impoñerán e controlarán que non descarreiren.

A porta aberta pola decisión de Francisco ao respecto da súa presenza no Sínodo supón un paso adiante do que xa non é posible recuar.

O ben está feito, só hai que ilo continuando de maneira constante, con présa e sen pausa, no eido das comunidades eclesiais e en todas e cada unha das realidades institucionais da Igrexa.

Quizais na realidade civil esta afirmación non impresionará en absoluto. Mais ben será recibida con indiferenza, non significando nada absolutamente. No mundo da sociedade civil, alomenos en occidente, hai xa ben anos que falar de democracia e de dereito igualitario ao voto se vive e practica con total normalidade.

Porén, na Igrexa, logo de séculos de presenza única e exclusiva de varóns, bispos e superiores de ordes relixiosas, desta volta o papa dá un paso cara adiante, tímido para algúns, equivocado e errático, para outros.

Fundamentalmente os conservadores, que sempre apelan ao medo á ruptura e á cisma, para seguir mantendo estruturas, modos, formas e linguaxes (carreirismo, clericalismo, control e poder) que, co paso do tempo, entende cada vez menos xente e xa non valen para mostrar, expresar, transmitir e testemuñar a ledicia da fe no Xesús Fillo de Deus e da súa mensaxe recollida no evanxeo. Todo o contrario.

Son cada vez máis as persoas ás que a proposta de vida cristiá nin lles aporta nin lles ofrece un estímulo para vivir un estilo de vida comprometido, solidario, fraterno e esperanzado. Son outras as alternativas, cando as hai, as que lle atraen e das que se declaran seareiros e seareiras, dando as costas ao paradigma relixioso que durante tantos anos foi referente de proposta cultural, de identidade ou de caridade transformadora e fraterna.

Na Europa actual, vella, baleira e secular, na que a ruptura xeracional na transmisión da fe e a posta en cuestión desa determinada maneira de entender e vivir unha realidade familiar que se foi conformando ao longo dos séculos e que agora se ve superada pola aparición doutros modelos e visións da familia, diante desta fotografía, quizais demasiado fixa para retratar a amplitude da situación actual, o Documento para a Etapa Continental do Sínodo levaba por título “Ensancha o espazo da túa tenda”, unha frase recollida no capítulo 54 da profecía de Isaías, e invitábanos a saír da nosa preguiza relixiosa e estrutural para camiñar, con esforzo, si, pero tamén coa alegría de quen sabe que tanto no camiño como no remate, non vai só nin sen rumbo.

Así a mirada deslocalízase, para deixar que non sexa a nostalxia dun pasado que foi, pero que xa non volverá ser, e comece construír un xeito novo, respectuoso coa diferenza e capaz de entender que neste noso mundo plural, plurais tamén han ser as formas de vivir nel.

Isto pide que presente e futuro camiñen comprendendo, que non significa aceptando e dando todo o novo por bo, e respectando esta poliédrica maneira de ir conformando as novas realidades familiares, o que non pode facerse sen o esforzo por ensanchar a tenda desta Casa común chamada mundo.

Ensanchar a tenda supón deixar que o Espírito sexa acollido na andaina comunitaria e persoal de quen conformamos as comunidades cristiás e, porén, a Igrexa. Ensanchar a tenda é apostar por superar medos e abrir novos camiños, con dúbidas, si, pero con disposición a vencer a tentación de volver a tempos que xa foron e nunca máis, para ben, volverán nin na Igrexa nin na sociedade.

Ensanchar a tenda é dispoñerse a facer oco a quen vén, sabendo que dentro da tenda hai espazo para as persoas que están, pero tamén para as que queiran vir, inda que se sentan diferentes, diversas, distintas ou pouco habituais.

Ensanchar a tenda pide de todas e todos nós superar prexuízos sobre culturas que moitas veces descoñecemos, pero sobre as que poñemos a nosa mirada escrutadora con xuízo incluído.

Ensanchar a tenda pide de todas e todos nós superar prexuízos sobre culturas que moitas veces descoñecemos, pero sobre as que poñemos a nosa mirada escrutadora con xuízo incluído.

Ensanchar a tenda pide finalmente esforzarnos para que sexan os criterios evanxélicos, e non os de tradición ou costume, os que nos movan a non deixar de valorar a dignidade compartida por riba das normativas froito dun tempo, unha cultura ou unha maneira de comprender a realidade desde criterios acientíficos, mitotóxicos e, moitas veces, máxicos e engaiolantes.

Esforcémonos entón, como nos invita o documento sinodal a poñernos na xeira de ensanchar, sen medos e con convencemento, a tenda do diálogo e a busca de pontes polas que pasar mutuamente para superar atrancos que impiden, nunha e noutra beira, superar incomprensións e prexuízos mutuos entre a Igrexa e a sociedade.

Sabendo que como tarefa de tódalas persoas crentes está ensanchar a tenda da acollida, do recoñecemento, da igualdade e da colaboración recíproca para que ninguén quede fóra, o chamado Instrumentum laboris (documento de traballo do que se parte na reunión que comezará en Roma en outubro) invita a seguir camiñando xuntos e xuntas desde os diferentes niveis da realidade eclesial, respondendo así á misión que se nos confiou co “ide e pregoade” de Xesús aos discípulos (Mt 28, 16-20).

Pero… como pregoar sen coñecer a quen e o onde imos pregoar?

¿Como pregoar sen saber se lle damos as costas ao mundo no que homes e mulleres viven, gozan ou sofren?

¿Como pregoar se non facemos o esforzo por achegarnos e escoitar cales son os laios, e tamén os berros de alegría de quen, estando no mundo, vive, sente, fala ou pensa distinto a nós?

¿Como pregoar se, nas nosas mesmas comunidades, non estamos dispostos e dispostas a coñecernos mellor, escoitarnos ou acompañarnos unhas persoas a outras sen recorrer nin ao xuízo descualificador nin á exclusión de quen non pensa o mesmo ca nós?

Ensanchar a tenda esíxenos ter actitudes de misericordia e escoita, porque só así poderemos facer oco para que quen queira vir chegue e atope sitio.

A reunión de Roma, se quere seguir mantendo vivo, presente, gozoso e fiel o envío de Xesús de ir a anunciar, terá que ter ollos para ver desde o corazón; intelixencia para comprender desde o amor e mans para sementar verdadeira fraternidade que non cataloga desde a “fidelidade” dos que se cren mellores e máis puros… os gnósticos dunha Igrexa que non quere contaminarse nin denunciar o esquecemento das persoas invisibles e incomprendidas: mulleres, migrantes, traballadores e traballadoras precarias e explotadas, persoas con diversidade sexual, persoas violentadas por políticas inxustas e discriminatorias de pobres e descartados… os ninguéns. O Sínodo pode ser un momento de participación onde ninguén e quede fóra, á vez que marcará o camiño de que Igrexa queremos, e como queremos, ser no aquí do hoxe e no despois do mañá.

Clodomiro Ogando Durán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.