Dignidade infinita
A propósito da Declaración “Dignidade infinita! Do Dicasterio para a Doutrina da Fe
O pasado oito de abril deste ano dous mil vinte e catro presentábase na Cidade do Vaticano a Declaración Dignitas infinita sobre a dignidade humana” elaborada polo Dicasterio para a Doutrina da Fe, e feita súa, ao asinar o documento, polo papa Francisco.
Se nos deixamos levar simplemente polos titulares e primeiras impresións que foron saíndo nos xornais e nos demais medios de comunicación ao respecto do documento, só quedariamos coa parte final (nº 33 ao 62), na que se fai un elenco de situación e ámbitos nos que actualmente a dignidade humana se ve ameazada, cando non suprimida ou non recoñecida.
Pero a declaración non queda neses números, senón que aborda, desde unha perspectiva ampla e ben fundamentada, unha das cuestións que hoxe podemos considerar fundamentais para desenvolver a loita a favor de todas as persoas, máis alá do seu credo, condición sexual, xénero ou realidade social.
A dignidade, nunha sociedade líquida e sen visos de remar nunha mesma dirección a prol do seu respecto, convértese hoxe nunha cuestión raíz para poder entender a realidade humana.
A Declaración consta dunha carta de presentación asinada polo prefecto do Dicasterio da Doutrina da Fe, o cardeal Víctor Manuel Fernández, á que segue unha introdución, catro capítulos e unha conclusión.
En total veñen sendo ao redor de corenta páxinas, ás que se incorpora tamén un apartado crítico conformado por 116 referencias a textos, fundamentalmente -que non exclusivamente-, do maxisterio de Francisco.
Neste apartado das notas é onde mellor se aprecia que un dos obxectivos é incorporar ao documento o amplo e rico maxisterio ao respecto do tema da dignidade humana, desbotando a idea, tantas veces manifestada polos grupos de presión conservadores, de que a deriva doutrinal da Igrexa é froito da pouca bagaxe intelectual e teolóxica dos textos do papa.
1.- Un texto con percorrido
Na constitución apostólica PraedicateEvangelium (marzo2022) sobre a reorganización da Curia romana, no capítulo V, os Dicasterios, nos números 69 ao 78 desenvólvense as funcións que corresponden ao Dicasterio para a Doutrina da Fe.
Así, no número 69 dise expresamente que a súa función é
“axudar ao romano Pontífice e aos bispos a proclamar o Evanxeo en todo o mundo, promovendo e tutelando a integridade da doutrina católica sobre a fe e a moral, sobre a base do depósito da fe e tamén buscando unha comprensión cada vez máis profunda dos novos interrogantes”(P.E. 69).
Para poder desenvolver esta tarefa divídese este Dicasterio en dúas seccións: unha Doutrinal e outra Disciplinar.
Respecto da primeira, explicita cal ha ser a súa función:
“Promover e apoiar o estudo e a reflexión sobre a comprensión da fe e os costumes e sobre o desenvolvemento da teoloxía nas diferentes culturas, á luz da recta doutrina e dos desafíos dos tempos, para dar resposta, á luz da fe, de cuestións e argumentos que xorden co progreso das ciencias e a evolución das civilizacións (P.E. 71).
E é desde esta última afirmación desde onde podemos entender a razón da publicación da exhortación sobre a dignidade humana, pois claramente é unha cuestión que se sitúa entre as dúas beiras das que se ocupa esta parte doutrinal do Dicasterio, a fe e os costumes, nun diálogo transdisciplinar coas demais ciencias e sempre á luz dos signos dos tempos, como tan ben o expresara a constitución Gaudiumetspes no seu número catro.
Sendo o tema da dignidade humana unha das cuestións que neste momento máis se debate desde distintos ámbitos e formulacións antropolóxicas, non é de estrañar que Francisco encomendara, no seu momento,ao anterior prefecto do Dicasterio un documento ao respecto desta cuestión.
Así, dándolle continuidade ao traballo iniciado con anterioridade polo propio Dicasterio en marzo de 2019 (cando se elabora un primeiro borrador ao que seguirán outros en outubro de 2021, xaneiro de 2022, febreiro, maio e novembro de 2023 e febreiro e marzo de 2024, borradores que se ían enriquecendo coas apartacións dos diferentes expertos nas materias coas que o documento buscaba esa trandiscipinariedade da que vimos falando) atopámonos cun documento que non é froito dunha ocorrencia, e si dun longo proceso de traballo, reflexión, debate e diálogo froitoso con persoas expertas consultadas sobre os diferentes aspectos e ángulos desde os que propoñer o tema da dignidade humana. Algo moi necesario en tempos líquidos e de antropoloxías baseadas nas emocións e os meros sentimentos, sen principios raíz de universalidade que poidan supor elementos en común e compromisos irrenunciables na reivindicación da dignidade compartida polos seres humanos.
2.- Un compromiso irrenunciable desde a igualdade compartida
Como ben se di na introdución -número 1:
A dignidade infinita, compartida por todos os seres humanos, máis alá de crenzas, xénero, credo, ideoloxías ou posicións culturais, fundaméntase no propio ser da persoa, de toda persoa humana.
Isto é recoñecido non polo influxo de posicionamentos ideolóxicos ou políticos, senón pola propia razón. E a esta dignidade correspóndenlle asemade toda unha serie de dereitos que lle van unidos.
É, polo tanto, unha dignidade ontolóxica, sempre e en calquera situación ou circunstancia, irrenunciable, que conforma aos homes e mulleres como iguais, únicos e merecedores do mesmos dereitos e do mesmo recoñecemento, tal e como recolle a Declaración dos Dereitos Humanos da ONU de 1948.(1). É misión da Igrexa, como inherente á súa propia misión de evanxelizar, defender, proclamar, promover, impulsar e loitar por este recoñecemento de xeito permanente e en todas as situacións. As citas a pronunciamentos recentes por parte dos últimos papas non fan máis que acreditar esta afirmación como unha esixencia inherente ao mesmo labor do anuncio cristián (2).
Resulta especialmente interesante, á par que importante, a aclaración que nos números 7 e 8 se realiza ao respecto do que se ha entender por dignidade humana e a importancia que ten para evitar xogar cos mesmos conceptos, inda que con concepcións e contidos moitas veces diferentes, cando non antitéticos.
Por iso é de valorar, e moito, a aclaración sobre o que se entende por dignidade, presentando catro formas de entender este concepto:
Dignidade ontolóxica, dignidade moral, dignidade social e dignidade existencial (3).
A primeira é a que conforma con radicalidade; non é froito dun construto teórico, interesado ou ideolóxico, senón inherente a toda persoa polo mero feito de ser e nacer.
Unha dignidade que non lle outorga ninguén por cuestión de poder ou por ter promulgado un texto de consenso, senón que é propia de todo ser humano polo mero feito de ter nacido. E coido que é aquí onde podemos atopar o elemento fundamental desde o que logo poder entender todo e canto se vai dicindo ao longo do documento.
Prosegue o texto presentando a fundamentación bíblica da dignidade, e que anlla no principio do libro da Xénese de que somos criaturas a “imaxe e semellanza de Deus”, o que nos conforma a todas e todos desde o compartir o noso ser ao abeiro de Deus, igualándonos a unhas persoas coas outras, tal e como se vai despregando ao longo dos libros do Antigo Testamento (Éxodo, Deuteronomio, Poéticos, Proféticos) e do Novo Testamento (Evanxeos e Paulo); coa predilección polas persoas máis vulnerables, pequenas e débiles por parte de Xesús.
A continuidade ao longo dos séculos do pensamento cristián desta formulación desde a reflexión racional e razoada dunha fe para ser vivida no compromiso diario dos homes e mulleres que se saben seguidoras e seguidores das pegadas do Mestre, a pesares das incoherencias prácticas, non fai máis que reafirmar a consideración desta categoría de que as persoas somos dignidade humana, non só a temos; sendo unha esixencia desa liberdade que compartimos e da vocación á que fomos chamados como fillas e fillos de Deus.
Só desde esta dignidade compartida será posible romper a tentación individualista, que só reivindica ao individuo pechado en si mesmo e desbota a relacionalidade do noso ser persoas en comuñón do compartir os mesmos dereitos e deberes. Sabéndonos libres, non de xeito absoluto pero con capacidade, nos límites da nosa propia liberdade que non nos incapacita para tomar decisións de dar sentido e orientación ás nosas vidas desde o respecto e o traballo na defensa das demais persoas.
4.- Unha esixencia rota polo egoísmo individualista e o afán de poder
A partires do número 33 vaise concretando como na nosa realidade social actual a dignidade vese moito máis ameazada nos diversos ámbitos de vulnerabilidade, cada vez máis crecentes, que se van conformando día a día no mundo a pesares das lexislacións, acordos, declaracións ou organismos que nos fomos dando para favorecer os dereitos humanos e o respecto que, desde eses dereitos, nos merecen todas as persoas.
Na nosa realidade social actual a dignidade vese moito máis ameazada nos diversos ámbitos de vulnerabilidade
É nesta parte na que se van enumerando as violacións que neste mundo, tan ás présas e tecnolóxico, se van realizando.
Violacións que, na maioría das veces, son froito da ansia de dominio e control do poder por parte dos poderosos e con ansias de dominar e controlar aos considerados menos e vulnerables.

Desde o drama da pobreza, a guerra, o traballo das persoas migrantes, a trata, os abusos sexuais (neste sentido é de valorar a denuncia clara e rotunda dos abusos ocorridos no ámbito eclesial, que nin os silencia nin os esconde), a violencia contra das mulleres, o aborto, a maternidade subrogada (ventres de alugueiro), a eutanasia, o suicidio asistido, o descarte das persoas con discapacidade, a teoría de xénero (que, como ideoloxía que é, busca suprimir a diferencia entre home é muller, á vez que se propón como criterio de decisión a vontade de querer ser un ou outra, pasando por riba do que foron as loitas do feminismo na busca da igualdade ontolóxica e real, e non de simple desexo de ser) ou o cambio de sexo.
Atopámonos cun documento grande, rigoroso e de calado, cunha perspectiva de buscar unir esforzos na tarefa de respectar a dignidade dos homes e mulleres polo mero feito de selo, e non por intereses ou desexos que rompen toda racionalidade e de buscar camiños de reflexións comúns na construción dun mundo máis harmónico, igualitario e xusto.
Unha vez máis agradecemos ao papa Francisco este novo legado que nos deixa para seguir traballando polo respecto da casa común de todos os seres vivos, especialmente daqueles e aquelas que compartimos unha mesma dignidade: a humana.
Clodomiro Ogando Durán
(1)Cfr. Nº2 – (2)Cfr. NºS 4 – 7 – (3) Cfr. NºS 8-9