Besbello lucis IV
Besbello lucis IV

Besbello lucis IV

Besbello lucis IV

Neste paseo tranquilo e repousado que estamos a facer ao longo da exhortación  Amoris laetitia do papa Francisco, chegamos aos capítulos IV e V. Capítulos que nos ofrecen unha visión humanizadora enchoupada de esperanza, moi ao estilo “Bergogliano”, do amor no matrimonio e máis da fecundidade dese amor.

A reflexión que nos propón, nada  impositiva nin absorbente, lévanos a caer na conta da importancia de aprender a separar o núcleo da cáscara, o importante das adherencias que o tempo e as interpretacións interesadas -cando non falsas- foron facendo que a visión do matrimonio se fose afastando do evanxeo, para converterse nun cúmulo de normas só para, se os houbera, heroes.

Francisco, volvendo poñer os ollos e o corazón no estilo que Xesús nos mostra ao longo das páxinas do evanxeo, e superando o estilo dogmático que vixente na interpretación dos dirixentes de igrexa durante tanto tempo, mostra como é posible vivir o ideal cristián do amor con gozo, alegría, ilusión e esperanza realista por aquelas persoas que así o queiran.

A proposta de Francisco sitúase no recoñecemento da maioría de idade das persoas crentes, chamando a superar o infantilismo no que durante moito tempo se quixo manter ás persoas con conviccións cristiás, impedíndolle ter criterio propio e someténdoas aos ditados dos que se consideraban os únicos que podían pensar, decidir e impoñer como comportarse no eido do amor, o matrimonio e a decisión de dar vida a un fillo ou unha filla.

Dábase así o paradoxo de que quen así actuaba eran célibes por opción e imposición, e polo tanto afastados de vivir a experiencia da paternidade/maternidade que, no nome dun Deus controlador e dominador da liberdade e conciencia das persoas, tiña neles os “oráculos” que interpretaban canto Deus quería en cada momento para eles e os seus fillos e fillas.

Deste círculo vicioso de infantilismo e dominio buscara saír o concilio Vaticano II coa publicación da constitución pastoral “Gaudium et Spes”, alá polo ano 1965.

A pesares do esforzo daquela Igrexa renovadora e con ansias de creatividade moral e discernimento maduro, os anos seguintes foron esquecendo aquela vitalidade conciliar para desembarcar nunha visión que volvía ao neotomismo xuridicista e preconciliar, inda que se disimulase citando, de xeito interesado, moi interesado, as palabras do concilio.

Palabras ás que se lles daba un novo contido e explicación, ben diferente daquela que levou a cantos participaran nas discusións sobre esta cuestión na aula conciliar, desde a convicción da necesidade dun “aggiornamento” eclesial, a propor o matrimonio como “comunidade de vida e amor”,

Comunidade de vida, sentada sobre a liberdade e a responsabilidade de querer conformar o proxecto matrimonial aos ollos de Deus desde a capacidade, por madurez e maioría de idade, das persoas directa e realmente implicadas nese matrimonio vivido como comuñón de persoas que se saben no mundo con criterio e capacidade de decisión.

Hai entón que remitirse a esta proposta da Gaudium et Spes no concilio, para situar e entender as palabras do papa nestes capítulos catro e cinco da súa exhortación maxistral.

Por iso resulta verdadeiramente humana, realista, acolledora e fondamente vital a reflexión que no capítulo catro desenvolve ao respecto de como ha ser o amor a partires do comentario que vai facendo do texto de 1 Cor13, 2ss , o himno da caridade.

Un comentario que vai desenvolvendo desde a proposta do amor, o que é de agradecer nestes tempos de présa e con présa, valorando a importancia de que sexa paciente, que non se deixe rebordar polo arrouto, a inmediateza ou a falta de reflexión en situacións, e sobre cuestións, que precisan o repouso da reflexión e o diálogo compartido nun proxecto que non é individualista, senón compartido en igualdade de capacidade e decisión á hora de valoralo e decidir como se quere vivir.

Un amor que, chamado a ser paciente, non se identifica con soportar ou aguantar nin malos tratos nin desconsideración persoal e humana.

Convivir é aprender a descubrir e valorar canto, eu e ti, nun proxecto compartido se aportan e enriquecen mutuamente na xenerosidade do compartir.
Sendo a paciencia o humus desde o que está chamado a crecer e desenvolverse ese.
Un crecer vivido na igualdade, a servicialidade e a corresponsabilidade.

Froito de canto vimos dicindo no parágrafo anterior, ofrécenos no capítulo V unha mirada nova, leda e incluínte da apertura á vida.

Unha fecundidade que nunca ha ser froito do descoido nin tampouco do desexo de posuír, controlar ou comprar para un mesmo a vida dun fillo ou dunha filla.

A decisión de ser pais e nais, é froito do discernimento en función do ser comunidade compartida de vida e amor, e tendo en conta a situación persoal da parella respecto á realidade laboral, económica ou social.

Isto esixe un discernimento maduro, responsable, libre e sempre desde unha conciencia madura, autónoma e ben formada.

Desde aí, en condicións de igualdade e respecto mutuo, quen conforma o matrimonio deciden se espaciar, ou non, cando e como, o nacemento dun fillo ou dunha filla.

A paternidade e maternidade son froito da xenerosidade de quen está en disposición de acoller, educar e acompañar no crecemento á nova vida que chega, sabendo que é necesario dedicar tempo compartido e mutuamente responsable; superando os roles históricos, do coidado e crianza, en función do xénero do proxenitor ou proxenitora.

Neste proceso de discernimento, decisión e acollida é fundamental valorar a corporeidade como don, e non como obxecto ou cousa. Don a través do que, pai e nai, se converten en colaboradores do proxecto de amor de Deus que se vai despregando no tempo.

A visión ampliada do amor que dá froito a novas vidas amplíase e desenvólvese nos fillos e fillas e na transmisión do valor, respecto e atención aos maiores que moito antes trouxeron vida, e fixeron posible que hoxe poidamos falar da memoria agradecida de avós e avoas que, con corazón grande, seguen a ofrecer o testemuño de que a entrega xenerosa é camiño de continuidade dun mundo chamado a ser casa común na que ningunha persoa debe ser excluída.

Clodomiro Ogando

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.