Besbello lucis III
Besbello lucis III

Besbello lucis III

Avanzando na lectura da exhortación Amoris laetitia, (podes ler Besbello lucis II ) atopámonos no capítulo 3 cunha mirada de realismo respecto de como conxugar amor e ledicia no contexto da visión cristiá da familia.

E facemos mención ao realismo porque Francisco é plenamente consciente de que a situación da familia enfróntase hoxe a retos concretos e nada doados moitas das veces, diante dos que non se pode nin mirar para outro lado nin tampouco tirar para adiante como se non existisen.

A realidade do matrimonio e da familia hoxe é complexa e está sometida a non poucas tensións, cando non incomprensións e cuestionamentos que é necesario ter en conta á hora de reflexionar sobre ela.  A isto dedica a exhortación desde o número 31 un ata o 57.

No seu achegarse con realismo e honestidade á realidade do matrimonio e da familia, o Papa vai sinalando diferentes dificultades e desafíos que na sociedade actual están a vivir ou se lle plantexan ás familias.

Desafíos que veñen moi marcados pola proposta cultural da sociedade líquida na que se asenta o cortoplacismo do momento e non na procesualidade dun camiño que se inicia para irse desenvolvendo ao longo dos anos desde a maduración e a liberdade propositiva que esixe a sinceridade na comunicación e a escoita como canles desde as que ir superando retos e remontando ante as dificultades.

Nunha sociedade marcada por este presentismo que fai do particularismo principio e do individualismo mensaxe, a exhortación reflexiona sobre as dificultades que xorden á hora de asentar a vida familiar nunha comunicación franca, sincera, honesta e igualitaria, pois inda que as palabras moitas veces resoan como eco nos oídos, non sempre se ven acompañadas da súa concreción no actuar, no día a día da relación de quen conforma a realidade familiar.

¿Cómo propoñer a igualdade se seguen a distinguirse roles que outorgan uns cometidos de superioridade a unhas persoas respecto doutras na experiencia familiar?

¿Cómo falar de respecto cando a decisión de compartir vida e establecer unha relación duradeira non vén marcada pola reflexión que sopesa, con realismo, pros e contras do proceso de construción da experiencia de familia?

¿Cómo poder avanzar neste camiño se, como Igrexa, nos temos limitado a ofrecer un marco teórico formal, rico en abstraccións doutrinais, bioéticas, canónicas ou morais, pero non nos temos sabido facernos presentes desde a escoita, o acompañamento, a acollida de quen non xulga e sabe que é o amor e non as leis as que marcan a quentura da vida familiar? (cfr.37-41).

A invitación á autocrítica realista e sincera, que non esconde erros pero que tampouco ha dubidar do gozo esperanzado que supón sempre a vida familiar compartida, ha ser lévedo para poder descubrir os desafíos que hoxe van saíndo ao encontro das familias, e aos que hai que facerlle fronte cos pés no chan e o corazón e a mirada na utopía de que o mellor está aínda por construír e realizar.

As dificultades das familias

E todo isto sen negar as dificultades que van chegando en forma de falta de políticas que verdadeiramente valoren e dignifiquen o papel da familia na sociedade e promovan plans de vivendas sociais que contrapoñan a especulación de quen busca simplemente ganancia e enriquecemento a calquera prezo (cfr. 43).

Unhas políticas sociais que presten atención á situación das familias con algún, ou varios, dos seus membros con algunha discapacidade; unhas políticas que non pechen tampouco os ollos á situación das persoas migrantes que chegan buscando dignidade e estabilidade para as súas vidas (cfr.46-47).

Ante esta gran complexidade que hoxe nos ofrece a realidade familiar, e ante os múltiples desafíos que á sociedade e á Igrexa, concretada nas comunidades cristiás ás que os cristiáns e as cristiás pertencemos, preséntansenos retos diante dos que non podemos quedar nin mudos nin quedos, pois unha actitude así favorecería, con maior celeridade, a deconstrución da realidade familiar que hoxe, desde algunhas tribunas, se preconiza e alenta.

Fronte a quen opina e traballa para que isto sexa así, a exhortación urxe a un compromiso persoal e comunitario de persoas e institucións, civís e relixiosas, para que a familia sexa centro da súa atención.

Compromiso na súa actuación e responsabilidade nas decisións que fagan posible a súa visibilización como ámbito de integración, desenvolvemento con rostro humano, dunha sociedade máis igualitaria, xusta e integradora das diferenzas.

Unha sociedade na que a familia segue a ser o zume que mantén vivo a capacidade de facer das comunidades cristiás berces de acollida, escolas de diálogo e sacramentos visibles da presenza e do amor de Deus.

Diante do, para moitas persoas, lugar común de considerar a familia como unha realidade do pasado chamada a desaparecer,

Sen negar as dificultades, os retos e mesmo os desafíos que hoxe a familia e sobre a familia se propoñen, o Papa Francisco, ofrécenos unha mirada esperanzada desde a que reivindicar a frescura e a orixinalidade da vida familiar como experiencia de acollida e descubrimento do mundo.

A familia á vez, se converte en escola permanente de alegría humanizadora que non se deixa vencer polos cantos de serea de experiencias que pregoan, desde o individualismo deconstrutivo, e a superación do amor xeneroso e entregado, para ofrecernos simplemente consumismo baleiro e desacougante.

Clodomiro Ogando  

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.