Besbello lucis II
 Besbello lucis II

 Besbello lucis II

Besbello lucis II – Á luz da Palabra

 No “post” anterior faciamos unha presentación xeral da Exhortación sinodal «Amoris laetitia» do papa Francisco.

O primeiro capítulo leva por título: “Á luz da Palabra”.

Amoris-laetitia

Isto suxírenos que o que nel se vai desenvolver é a fundamentación bíblica da que o papa se acompaña para poder comprender por que o amor vivido desde unha experiencia familiar e cristiá é unha experiencia de gozo.

Este xeito de elaborar a reflexión responde tamén á nova hermenéutica que, desde os estudos da S.E., se lle urxe á Teoloxía para evitar caer, ben nun fundamentalismo irracional, ben nun positivismo bíblico que manipule o texto da Escritura para facer do suxeitivismo – (facerlle dicir ao texto o que un quere que diga)– de quen escribe, un absoluto literal das palabras escritas nos libros da Biblia.

Esta fundamentación bíblica desenvólvese en tres momentos:

Achegarse ao texto. Comprender o seu contexto e ter en conta o pre-texto –todo o anterior a ser escrito- e preséntase desde o binomio amor–familia, sempre enriquecedor e sen caer na lóxica fundamentalista.

Búscase unha comprensión que leve a superar a tentación de ideoloxizar canto se nos di nos libros do Antigo e Novo Testamento.

Estamos, xa que logo, diante dun documento que abre procesos de achegamento e axuda a discernir comportamentos e actitudes en quen o le.

O papa Francisco tenta poñer en valor a hermenéutica –interpretación– como método de comprensión e actualización dos contidos da Biblia, buscando que aquelas palabras escritas no pasado cobren vida e actualidade no presente nunha linguaxe comprensible e sempre viva.

O esforzo por realizar unha fundamentación bíblica rigorosa e científica, saíndo dos esquemas abstractos, literalistas e crédulos nos que moita xente se move cando se achega á lectura dos libros da Biblia, é o obxectivo que persegue o papa colocando como pórtico da exhortación a forza da Palabra, que ha iluminar as decisións da vida.

É importante resaltar isto para evitar caer na tentación de facer unha translación dunha letra –a dos libros escritos no pasado– ao momento actual, obviando que os textos, todos e de calquera especialidade, son escritos nun contexto concreto e tendo en conta a realidade social, histórica, económica e cultural do momento no que se escriben. Por iso, desde o punto de vista científico, constitúe unha auténtica manipulación o feito de querer aplicar a hoxe situacións que nos narran os autores dos libros da Biblia, sen ter en conta que nin o pasado é coma hoxe nin as situacións e preocupacións de quen o le actualmente son as mesmas que se vivían cando foi escrito.

O método hermenéutico é fundamental para entender o texto bíblico, para axudarnos a comprendelo á luz da realidade e das situacións que hoxe vivimos.

Ao longo de cinco parágrafos (Ti e a túa dona, os fillos como xermolo de oliveira, un camiño de sufrimento e sangue, a fatiga das túas mans e a tenrura dunha aperta) todos eles con referencias a textos bíblicos, Francisco vai sentando as bases dunha fundamentación bíblica na que as persoas son centro desde o que vivir o amor e construír comuñón familiar, mostrándonos, contra o que tantas veces se adoita afirmar, que non son os papeis e si as persoas, as que toman decisións e son capaces de recoñecerse, quererse e poñer en marcha proxectos de vida movidas polo amor. Un amor que se desprega en compartir risos; pero tamén bágoas, ilusións e mesmo fracasos.

Francisco non nos presenta unha visión idílica, senón realista do que é a convivencia desde a que dar lugar ao crecer, compartir e camiñar no proxecto de amor que Deus quere para nós.

A serenidade da elección de con quen querer compartir e desenvolver un proxecto desde a igualdade no respecto da dignidade común; o afastamento da tentación de crerse mellor ou superior á outra persoa; a superación da soberbia de quen exerce paternalismo patriarcal sobre a que se considera a parte máis “débil” desa relación; o recoñecemento da outra persoa como un eu, como presenza do ser imaxe e semellanza do amor de Deus e da comuñón Trinitaria para ser un nós en relación; a apertura a acoller as crianzas, non como un dereito ou como unha imposición de dominio sobre elas, senón como a expresión da tenrura compartida e desenvolvida na lóxica do don que acolle e acompaña o crecer desas novas vidas son eixes que iremos descubrindo ao longo de todo este capítulo, e que nos van indicando que o amor non é nin un efluvio pasaxeiro nin unha cadea que nos ata sen posibilidade de escapar dela.

A presentación do proxecto de amor que Deus ten para con nós desde a achega á Biblia, tal e como nolo vai presentando o papa neste capítulo, fainos cuestionar moitas falsas comprensións que, sobre a realidade do amor e da familia ao abeiro da compaña de Deus, se teñen realizado.

El non é nin un controlador nin o impositor dun único e “estandarizado” modelo de vivir o amor e a realidade familiar.

Lembrando unha imaxe que tanto nos marcou a unha determinada xeracións de crentes desde a nosa mocidade.

Tampouco é o ollo escrutador que todo o ve e anota, estando á espera de calquera erro para atizarnos co medo ao inferno desde unha categoría de pecado abstracta, cousificada e afastada do que Deus non cansa de mostrar a través do actuar de Xesús: Pecado só é todo canto fai de menos ás persoas e fire a dignidade que todas e todos posuímos.

Por riba de condicións e concrecións, nós estamos chamados e chamadas a gozar deste amor con quen nos ama e a quen amamos.

Se Él, porque é amor, ama; tamén nós, querendo seguir o seu camiño, estamos chamados e chamadas a amar.

Clodomiro Ogando.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.