Amén. Francisco responde
Amén. Francisco responde

Amén. Francisco responde

Amén. Francisco responde.

Invitáronme a ver o documental dirixido por Jordi Évole e Marius Sanchez -Disney+- e gocei do que vin e escoitei neste traballo dunha hora e vinte minutos de duración.

Máis alá das anécdotas ou dos “ruxe ruxe” interesados que sobre el escribirán moitas persoas, xornalistas ou non, eu quero reflexionar desde unha perspectiva moito máis de fondo, para así contextualizar esta, unha vez máis, novidosa presenza de Francisco ante os medios de comunicación.

Desta volta foi invitado polos directores do documental a manter unha charla con dez mozos e mozas representativos da mocidade deste noso mundo globalizado. E durante cinco horas de gravación –que tiveron que reducir, para a súa emisión, a unha hora de vinte minutos- o papa escoita e dialoga cunha mocidade que, por idade, e mesmo por visión da vida e perspectivas, está moi lonxe da realidade cotiá coa que Francisco se enfronta cada día. A única condición que lles puxo aos directores foi que entre as persoas elixidas houbera algunha que fose católica practicante. Isto concretouse na presenza dunha moza madrileña pertencente a unha familia do Camiño Neocatecumenal –os Kikos- como se lle denomina coloquialmente.

Sen coñecer quen ían ser as persoas interlocutoras e sen ter un guión do que alí se ía tratar, chega Francisco a un local dos arrabais –da periferia– da cidade de Roma e comeza a romper o xeo co seu sorriso e esa capacidade de suscitar empatía que a tanta xente vai levando a superar prexuízos ao respecto do que é un papa. Pouco a pouco aquela mocidade vai facéndolle preguntas sobre diversos temas; preguntas que el non rexeita, senón que vai abordando cunha linguaxe sinxela, cercana e, na maioría das veces (non foi así ao falar do por que non do acceso da muller á ordenación sacerdotal) clara, concisa e comprensible.

O seu salario; as redes sociais –onde non ten dificultade en manifestar que non coñece o que é Tinder nin que tampouco utiliza persoalmente as redes sociais, cometido que deixa nas mans dos seus secretarios; os abusos sexuais e de conciencia –psicolóxicos-; a pornografía; a sexualidade; o aborto; a muller na Igrexa e, dentro deste ámbito, o seu acceso ao ministerio sacerdotal; a emigración… temas sobre os cales non só á mocidade, senón a calquera persoa lle gustaría preguntar e falar co papa.

Sendo todo o anterior moi interesante, e xa por iso pagaría a pena tentar ver o documental, coido que hai liñas de fondo que si merecen ser destacadas polo que supoñen respecto ao quen, o que e o como do documental e da persoa ao redor do que el xira.

En primeiro lugar, respecto ao quen, paréceme necesario destacar a sinxeleza e dispoñibilidade coa que o papa accede á solicitude de ter unha xuntanza con xente nova para falar de cuestións de actualidade con ela.

Isto pon de manifesto a ausencia de prexuízos e de non marcar distancia por parte de Francisco.

Acepta e ponse ao dispor de quen lle fai a invitación a participar no documental. É máis, para evitar que as mozas e mozos se sentisen cohibidos polos muros e a simboloxía dos pazos vaticanos, non ten inconvinte en realizar este encontro fóra das paredes da Cidade do Vaticano.

Elixiuse un lugar con amplo significado simbólico: un barrio na periferia de Roma; periferias que están sempre moi presentes ao longo de todo o seu maxisterio de xestos, de escritos ou de alocucións. Esta desacralización / humanización dunha figura como é a do papa, ata o de agora tan afastada da realidade cotiá da maioría das persoas, especialmente das máis novas, supón unha viraxe nese empeño, desde o seu comezo pastoral como Bispo de Roma, de entender o seu servizo pastoral como unha tarefa de servizalidade que non ten que supoñer atrincheirarse detrás duns seculares muros, arquitectonicamente marabillosos.

É o papa, si, pero non por iso deixa de ser un ser humano que precisa respirar o aire que respiramos homes e mulleres neste noso mundo globalizado e cada vez máis líquido.

Non pon Francisco cortapisa algunha aos temas que alí se van tratar –seguro que no moito material que non se puido emitir neste formato de hora e vinte minutos, contén moitos outros temas e momentos ricos en contido e realismo. O tempo diranos se se sacarán á luz ou quedarán no imaxinario das persoas que compartiron aquelas cinco horas romanas-.

Isto que fai un que de xenerosidade, claridade e dispoñibilidade, rompendo o retrouso que sempre se lle viña adxudicando ao papa, e por extensión a toda a xerarquía, de escurantista e selectiva respecto aos temas a tratar.

Como xa expuxen antes, estando máis ou menos dacordo coas súas respostas, non esquinou, por duras e difíciles que estas fosen, ningunha das preguntas. Un que salvado tamén con honestidade e coherencia. O testemuño, ao que el se refire ao comezo como o visibilizar a sinceridade no vivir das persoas crentes, aplícao el no seu xeito de responder, e non esconder, ás cuestións que se lle realizan.

As oposicións polares, das que tanto a el lle gusta falar seguindo a Romano Guardini, concrétanse aquí naquela que afirma que “a realidade é máis importante que a idea”, vencendo así calquera intento de converter en ideoloxía o evanxeo.

Se o quen e o que resultan cando menos novidosos no seu xeito de presentarse e responder, o como pon de manifesto o empeño constante de Francisco por superar retrousos de silencios, respostas medidas, autocensura ou palabrería baleira.

A liberdade coa que se presenta, buscando escoitar, entender e sempre, desde o respecto á dignidade compartida por riba de visións ou diferenzas, a uns mozos e mozas aos que supera en idade -ten oitenta e seis anos- e en experiencia de vida, sen facer menos delas ou considerar que as súas son preguntas son froito da súa falta de experiencia vital, fan del unha persoa grande, das que toma en serio a escoita, o acompañamento, a necesidade de ter un maior e mellor coñecemento das cousas.

E se queremos baixar a algunhas concrecións, como non ía defender a vida coma don a protexer sempre, sen confundilo cunha simple unión de células ou cromosomas! Pero responde ao tema non con crispación ou á defensiva, ao contrario, tenta buscar a palabra amable, inda que clara, que non fira nin desprece a quen pregunta. O mesmo cando aborda o tema do binarismo ou da pornografía. Parafraseando aos clásicos, diriamos que Francisco móstrase “suaviter in forma et firmiter in re” (suave nas formas, firma nas conviccións).

Hai un tema que quizais, ou sen quizais, vai causar maior consternación polo que respondeu. Refírome a como contesta á pregunta sobre o por que as mulleres non poden recibir o ministerio da Orde sacerdotal. Cunha explicación pouco comprensible para unhas persoas novas e que dificilmente entenderían a ”lingüística teolóxica da disquisición abstracta”; inda que tampouco para quen non son tan novas resultaría compresible.

Sométese aquí Francisco –non podía ser doutro xeito, para evitar unha auténtica hecatombe da propia institución; e non sendo tampouco aquel o lugar para realizar alta disquisición teolóxica de escolas– ao lugar común de diferenciar entre Orde sacerdotal para varóns e matriarcal coidado para as mulleres.

Isto pon de manifesto que así como respecto dos abusos se insistía na tolerancia cero para os abusadores /acosadores, ou na necesidade de replantexar a teoloxía da sexualidade; a cuestión da ordenación da muller segue a ser un tema, non sei se pechado, pero si precisado dun maior percorrido.

Amén Francisco, volve ofrecernos unha imaxe cercana, humana e sempre disposta a escoitar sen condenar, dun home, o papa para as persoas católicas, de oitenta e seis anos, que busca e que se esforza por comprender  a unha mocidade que ve cada vez máis afastada da súa realidade á Igrexa Católica e aos seus representantes.

Clodomiro Ogando Durán

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.