A igrexa, unha historia de mulleres (II)
A igrexa, unha historia de mulleres (II)

A igrexa, unha historia de mulleres (II)

A igrexa, unha historia de mulleres (II)

Continuando a xeira comezada no anterior post sobre a muller na Igrexa, avanzamos nunha nova onda que nos chega desde a perspectiva do coidado, sempre en mans femininas, fronte ao poder e a xestión do mesmo por parte dos varóns.

4.-  Cuarta onda: Os coidados como alternativa á gobernanza dos varóns

Dada a imposibilidade de mostrar capacidades e dotes de goberno, pouco a pouco o papel da muller acabou por reducirse ao ámbito dos coidados, de xeito que a relevancia da súa presenza vai ir unida por unha banda, ao ámbito da beneficencia e da atención a persoas pobres e de baixa condición social; e por outra banda, ao mundo da educación para formar, nas labores consideradas femininas, ás fillas das clases altas e así dispoñelas a atopar un bo partido co que casar.

Un círculo excesivamente estreito no que se foi reducindo a presenza da muller na Igrexa. Nacen así ordes relixiosas femininas cuxo carisma supuña a atención como enfermeiras ás persoas enfermas, xa que a profesión de médico só estaba reservada aos varóns; a educación ou a creación de cociñas económicas para poder dar de comer a quen nada que levar á boca tiña. No nome da capacidade para escoitar e da sensibilidade para acompañar, a muller acabou sendo recluída nun mundo no que eran consideradas como incapaces de desenvolver as mesmas tarefas ca os varóns, dada a consideración da súa menor capacidade e intelixencia… un estigma do que, aínda hoxe, non foron capaces de liberarse en certos ámbitos eclesiais. Invisibles e silenciadas; pero presentes no día a día dos problemas e situacións das persoas menos favorecidas nunha sociedade clasista e nunha Igrexa cada vez mais xerárquica, piramidal e masculina.

E cando algunha delas sobresaía por ser capaz de romper muros de pedra, que non teitos de cristal, era considerada como rara, embruxada ou dominada polo diaño. Desta onda non deberamos esquecer a Hildegarda de Bingen (s. XI-XII), Inés de Peranda e Clara de Porta (s. XIII), dúas das que tiveron que murarse para poder desenvolver as súas capacidades; Matilde de Madenburgo (pertencente ao grupo das Beguinas) ou Diana de Andaló, tamén no mesmo século XIII.

A elas seguíronas Catalina de Siena (S. XIV) e Tareixa de Xesús (s. XVI). Xa no século XVIII atopamos a Laura Bassi, María Gaetana Agnesi ou Marie Poussepin; e nos séculos XIX e XX, Pilar Prieto Vidal, Giaanna Beretta Molla, Edith Stein, Flannery O’Connor, Julia Stanislawa Rodzinska ou Gertrude Elizabeth Margaret Asconde. Recuperalas, a moitas delas do anonimato, non quere ser máis ca un pequeno recoñecemento a un labor descoñecido e esquecido na longa historia da Igrexa.

Quédannos outras moitas por citar. Sabémolo.

Algunhas delas, por ser fundadoras, xa recibiron o recoñecemento das ordes relixiosas que fundaron. Pero máis triste é recoñecer ás que seguen no anonimato, logo da súa entrega fiel e xenerosa a unha Igrexa que as ensombreceu e non lles deu o protagonismo, a presenza e a relevancia que merecían.

5.- A quinta onda. Unha nova mirada eclesial: o Concilio Vaticano II.

A aparente inxenuidade do papa Xoán XXIII, que levou a que fose elixido como papa para un momento de transición eclesial, acabou sendo un tempo de presenza do Espírito marcado polo aggiornamento dunha Igrexa que se sabía ancorada nunha historia rica en experiencias; pero necesitada de renovación e cambio para facerse comprender nun mundo no que todo se movía moi de présa.

O Concilio Vaticano II vai supor un furacán de aire fresco non só para Igrexa institución, senón tamén para as mulleres que nela seguían compartindo a paixón pola mensaxe de Xesús nun mundo cambiante e disposto a poñelo todo patas para arriba.

Un feito, acadado con non pouca suor e esforzo, vai supor que os cambios que poderían chegar nos documentos a desenvolver na aula, tivesen como testemuñas, por vez primeira, ás mulleres auditoras que sentaron nela, inda que nas bancadas máis altas e desubicadas, para facer escoitar a súa voz a través das achegas que ían presentando nos diversos grupos de traballo, repletos de varóns.

Rendemos homenaxe a aquelas pioneiras que, vencendo dúbidas e medos persoais, non se deixaron arrebatar pola forza da presión dos que seguían a considerar un escándalo a súa presenza:

Amalia Dematteis, Ida Marenghi -viúva de Grillo- Juliana Thomas, Pilar Bellosillo, Gladys Parentelli, Sabine de Valon, Luz María Longoria, Rosemary Goldie, Marie-Louise Monnet, Margarita Moyano Llerena, Costantina Baldinucci, Claudia Feddish, Cristina Estrada, Marie Henriette Ghanem, Mary Luke Tobin, Marie de la Croix Khouzam, Suzanne Guillemin, Jerome M. Chimy, Anne Marie Roeloffzen, Alda Micheli , Gertrud Ehrle , Hedwig von Skoda.

A súa afouteza e capacidade para non deixarse vencer polo desánimo supuxo ver recollidas nos textos que hoxe alimentan o labor teolóxico moitas das súas propostas e consideracións. Con elas foise abrindo un camiño que, a partires dese momento, xa non tivo marcha atrás, e fixo posible que hoxe poidamos falar de Teoloxía desde a reflexión e a mirada da muller na Igrexa e na sociedade.

6.-  A sexta onda: maioría de idade das mulleres na Igrexa: teólogas.

O Concilio supuxo non só renovación de estruturas e Teoloxía, senón que tamén abriu camiño, sen retorno, do recoñecemento da muller no labor eclesial, en todos e cada un dos ámbitos dos que esta realidade se compón.

A partires de aí, o vento da Rúah do materno de Deus comezou a deixarse sentir dentro dos fortes e rexos muros da Igrexa. Como di o profeta Isaías, “algo novo está a chegar, non o sentides?”

Si que o sentimos no cada día maior número de mulleres que acceden aos estudos de Teoloxía nas facultades e universidades de todo o mundo; mulleres que ocupan cátedras de Teoloxía nas facultades e centros de ensino teolóxico; mulleres cuxas publicacións compiten en igualdade e sen complexos coas dos teólogos varóns sen que por iso sexa unha teoloxía de segundo nivel ou puramente anecdótica.

E só por citar algunhas, cuxos nomes e obras xa se fan imprescindibles hoxe á hora de estudar calquera dos tratados teolóxicos, traemos aquí a Mercedes Navarro, Pepa Torres, Isabel Gómez Acebo, Inés Onegés, Carmen Bernabé, Élisabeth Parmen, Carmen Yebra, María P. Aquilino, Marcela Althaus, Dorothee Söll, Ivone Guevara, Eleonora Barbieri, María Jesús Fernández, Nuria Martínez-Gayol, María Jesús Fernández Cordero

Son nomes dalgunhas das moitas máis que desenvolven o seu labor nas facultades e universidades de tódalas partes do mundo con brillantez e convicción.

Nathalie Becquart

Neste ir achegándose ao cristal para poder, non tardando moito, romper o seu teito, atopámonos co nomeamento realizado polo papa Francisco da monxa francesa Nathalie Becquart como Subsecretaria do Sínodo dos Bispos sobre a Sinodalidade de 2023/2024, o que lle dá por vez primeira a unha muller o dereito ao voto na aula sinodal.

A isto engadimos o nomeamento, tamén realizado polo papa Francisco, da maxistrada italiana Catia Summaria, como primeira muller Promotora de Xustiza no Tribunal de Apelacións do Vaticano.

Ambos nomeamentos supoñen un gran chanzo cara arriba neste dificultoso camiño da muller no eido eclesial. Chanzo ao que, con seguridade, iranse unindo moitos máis.

Os pasos que, pouco a pouco, vai dando o papa Francisco situando en organismos do Estado Vaticano a mulleres de diversas partes do mundo son o sinal máis visible de que este longo camiño que un día comezou ao redor do Mestre de Nazaret ten horizonte aberto para seguir desenvolvendo un traballo e un recoñecemento en igualdade e respecto mutuo.

Seguirán chegando ondas e máis ondas nas que as mulleres ocupen o lugar que historicamente se lles impediu ocupar. Porque a igualdade comezou cando Aquel que, sendo raíz e horizonte, creounos “home e muller a súa imaxe e semellanza”.

Adenda a unha nova onda xa presente

            A presenza da muller nas aulas de Teoloxía das facultades católicas pon de manifesto que “os tempos son chegados”, e que o proceso que o Concilio Vaticano II comezou, unha vez superado o “revisionismo do inverno eclesial” postconciliar, continúa imparable dando voz, presenza, recoñecemento e capacidade de xestión e liderado á muller nos diferentes ámbitos eclesiais.

Sendo as facultades de Teoloxía unha raiola de sol na nova primavera eclesial, deixamos aquí constancia do labor dalgunhas das mulleres que desenvolven o seu traballo nas aulas de Teoloxía das universidades.

E queremos tamén facer público recoñecemento ao labor de outras moitas que desenvolven o ministerio da servicialidade eclesial dirixindo celebracións nas asembleas litúrxicas, proclamando a Palabra nas celebracións ou acompañando no crecer e madurar a fe de crianzas, adolescentes e persoas adultas ao desenvolver o seu ministerio como catequistas.

Sabendo que son moitas máis as mulleres pioneiras na ensinanza e investigación teolóxica, citamos o nome dalgunhas delas, xunto coa especialidade no campo da Teoloxía onde desenvolven o seu labor de ensinanza e investigación:

  • Sandra M. Schneiders , IHM, teóloga católica, escritora e profesora emérita de estudos do Novo Testamento e espiritualidade cristiá.
  • Mary Milligan , RSHM, teóloga católica, profesora de teoloxía
  • Paula Depalma, profesora de liturxia
  • Calduch- Benages Nuria. Teoloxía Bíblica
  • Enrichetta Cesarale
  • Stefania de Vito
  • Alessandra Bartolomei Romagnoli
  • Katie Cannon. Especialista en ética e a teoloxía negra
  • Emilie M. Townes. pioneira en teoloxía FEMINISTA.
  • Diana Hayes. Teoloxía primeira muller afroamericana en recibir o título de Doutora Pontificia en Teoloxía Sagrada (S.T.D.) da Universidade Católica de Lovaina (Bélxica).
  • Wonhee Anne.
  • Mary Shawn Copeland.
  • Rosemary Radford Ruether.
  • Anne Soupa. Teóloga e biblista
  • Isabel Corpas de Posada
  • Laurence de Bourbon-Parme,
  • Claire Conan-Vrinat,
  • Sylvaine Landrivon,
  • Hélène Pichon,
  • Loan Rocher,
  • Marie-Automne Thépot
  • Anne-Marie Pelletier,
  • Belen Breznes
  • Mónica Díaz
  • Silvia Martínez
  • Mireia Vidal
  • Virginia R.Azcuy (Travesía de teologas feministas pioneiras. Ebook)
  • Eloísa de Elguea (Travesía de teologas feministas pioneiras. Ebook.)
  • Nancy Raimondo (Travesía de teologas feministas pioneiras. Ebook.)
  • Julia Esquivel. Guatemala
  • Elsa Támez. Biblista e teóloga mexicana. Presbiteriana.
  • Marcella Althaus Reid. Arxentina
  • Marilú Rojas (México).
  • Nancy Cardoso Pereira (Brasil). Teóloga da liberación ecofeminista
  • Silvia Regina de Lima Silva (Brasil). Teóloga, biblista.
  • Ivone Gebara (Brasil). Teóloga ecofeminista.
  • Margarita Sánchez de León (Puerto Rico). Teóloga queer. Igrexa Metropolitana
  • Gabriela Juárez (México). Teóloga feminista e activista social.
  • Catalina Arias (Chile). Pastora e activista pentecostal.
  • Gabriela Guerreros (Argentina). Pastora pentecostal
  • Sofía Chiapana Quispe (Bolivia). Teóloga aymara da Congregación das Relixiosas Terciarias Trinitarias.

Grazas por ser fachos de luz na noite que segue a buscar o relampo das estrelas !

Clodomiro Ogando Durán

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.